O investimento en I+D en Galiza retrocede unha década

Sitúase en 0,86% do PIB, a porcentaxe máis baixa desde 2006 e moi afastada da media do gasto no Estado español e a Unión Europea.

O gasto en innovación e desenvolvemento (I+D) en Galiza en relación ao seu produto interior bruto (PIB) é 0,86%, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística referentes a 2016, último ano contabilizado. Unha porcentaxe tan baixa non se rexistraba en Galiza  desde 2006. Desde entón este investimento foi aumentando nos seguintes anos, chegando até 0,94% en 2011, para iniciar despois un descenso.

 

O dato, 0,86%. Sitúa a Galiza afastada do investimento en I+D que se fai de media no conxunto do Estado español: 1,19% do seu PIB. Tamén a cifra máis baixa desde 2006, cando fora 1,17%. Euskadi continúa liderando o capítulo de territorios que máis forte apostan esta liña, cun uinvestimento que anda pero de 1,9%. Máis do duplo que Galiza.

 

O que si que non baixa é o gasto en I+D en Europa, que continúa aumenatdno. Se ben en 2016 hai un lixeiro recorte (2.03% fronte ao 2.04% do ano anterior), a progresión desde o 2000 é de constante aumento. Naquel ano en Europa o investimento nestes campos estaba en 1,77%. En 2006 situábase nese nivel para, a partir de entón, aumentar.

 

En 2016 en Galiza había perto dun cento de manufactureiras de media e alta tecnoloxía, cun gasto en I+D de case 70 millóns de euros; e 184 empresas de servizos de alta tecnoloxía que invisten neste campo 87 millóns. O gasto das administracións públicas en Galiza en I+D foi de 82 millóns, cun persoal de 1.396 traballadores e traballadoras a xornada completa. No ensino superior, o gasto estivo en 181 millóns de euros e o persoal é de 4.195 persoas.