Investigan un veciño de Tui que abandonou cachorros nunha estrada e tiña animais na casa en malas condicións

Os cachorros abandonados en Tui. (Foto: Garda Civil)
O Seprona localizou animais "nunhas condicións hixiénico-sanitarias deficientes, con grande acumulación de esterco e zonas anegadas por auga".

Un veciño de Tui (Baixo Miño) permanece investigado após ser identificado como responsábel do abandono de tres cachorros nunha estrada e, máis tarde, descubrirse que tiña no seu domicilio varios animais en malas condicións.

A Garda Civil explicou que axentes do Seprona recibiron o aviso por parte das protectoras de animais de Tui e Valença do Minho de que foran vistos tres cachorros nunha estrada que foran abandonados por un vehículo con matrícula do Estado español.

Desprazados até esta estrada, os axentes localizaron os cachorros, ademais de percartárense de que había outro can morto na beiravía da PO-340. O investigado reside nunha casa nas inmediacións da zona e tíñase constancia de que alí había animais en condicións hixiéncias "moi deficientes".

A patrulla do Seprona mobilizada observou desde o exterior da casa que había varios cachorros "de características semellantes aos abandonados", que o investigado aceptou entregar á protectora.

Por mor destes feitos, o Seprona levou a cabo unha inspección na casa, onde localizaron animais "nunhas condicións hixiénico-sanitarias deficientes, con grande acumulación de esterco e zonas anegadas por auga".

Así as cousas, a Garda Civil formulou unha denuncia por abandono e malos tratos animais contra este home, que conta con antecedentes policiais por feitos similares.