Investigan por suposta denuncia falsa unha docente e tres ex alumnas que acusaron de acoso sexual a un profesor da ESAD

Escola Superior de Arte Dramática da Galiza (ESAD), en Vigo. (Foto: Nós Diario)
Os feitos aconteceron no ano 2020.

O Xulgado de Instrución número 6 de Vigo abriu dilixencias e citou a declarar como investigadas a unha profesora e tres ex alumnas que sinalaron un profesor da Escola de Arte Dramática de Galicia (ESAD) como presunto autor de acoso sexual, un caso que foi arquivado e non chegou a xuízo.

Agora, este profesor (inicialmente foron denunciados tres profesores, pero en fase de instrución sobreseron as actuacións con respecto a un deles e, finalmente, a causa foi arquivada con respecto dos outros dous) presentou denuncia por un suposto delito de denuncia falsa.

O Xulgado de Instrución, á vista das probas presentadas, sinala que os feitos "fan presumir a posíbel existencia dun delito de denuncia falsa" imputado a estas catro persoas, ás que cita para declarar como investigadas. As comparecencias produciranse os próximos 19 e 20 de xuño.

Feitos

En 2020 presentáronse denuncias por parte de varias alumnas contra tres profesores da Escola de Arte Dramática, que está situada en Vigo, por suposto acoso sexual e abuso de poder. Durante o proceso de investigación xudicial, ao redor dun ano e medio, os denunciados foron suspendidos da docencia.

Na ESAD celebráronse varios actos de repulsa e colocáronse carteis para censurar os supostos abusos e apoiar as denunciantes. En maio do ano pasado, a Audiencia arquivou a causa sen que chegase a xuízo, e os profesores reincorporáronse á Escola (dous deles) aínda que sen dar clase.

Pese ao arquivo, en xuño de 2022, parte do profesorado e do alumnado concentráronse na ESAD para insistir no seu apoio ás mozas que denunciaran, e para reafirmar a súa posición de que a Escola debe ser un espazo "libre de violencias machistas".