Investigan tres posíbeis novos efectos secundarios das vacinas de Pfizer e Moderna

Recipientes coa vacina de Moderna. (Foto: Isabel Infantes / Europa Press).
A EMA investiga tres posíbeis novos efectos adversos das vacinas ARNm contra a Covid-19.
 
O Comité de Seguridade da Axencia Europea do Medicamento (EMA, polas súas siglas en inglés) está a investigar tres posíbeis novos efectos adversos das vacinas ARNm contra a Covid-19, é dicir, as desenvolvidas por Pfizer e Moderna.

En concreto, segundo detalla o organismo regulador europeo nuns documentos de actualización de seguridade das vacinas, trátase de eritema multiforme, glomerulonefrite e síndrome nefrótica.

O eritema multiforme é unha reacción de hipersensibilidade alérxica con lesións cutáneas redondas características que tamén pode afectar as membranas mucosas das cavidades internas do corpo.

A EMA rexistrou "un pequeno número de casos" notificados tras a vacinación con Pfizer e Moderna. "Solicitáronse máis datos e análises ao titular da autorización de comercialización para apoiar a avaliación en curso do Comité de Seguridade", explica o organismo regulador europeo.

Pola súa banda, iniciouse unha avaliación da glomerulonefrite (inflamación dos diminutos filtros dos riles) e a síndrome nefrótica (trastorno renal que fai que os riles perdan demasiadas proteínas nos ouriños) para determinar se poden ser efectos secundarios destas dúas vacinas.

Segundo a EMA, as e os pacientes afectados poden presentar ouriños sanguinolentos ou espumosos, edema (inchan as pálpebras, os pés ou o abdome) ou fatiga. Do mesmo modo que no anterior caso, rexistrouse "un pequeno número de casos" notificados tras a vacinación con  Pfizer e Moderna, incluídos casos en que as e os pacientes experimentaron unha recaída de enfermidades renais preexistentes. Por iso, tamén se solicitaron máis datos e análises ás compañías para continuar coa avaliación.

Tal e como explicou a EMA a semana pasada, non atopou "até o momento" ningunha asociación causal entre as vacinas contra a Covid-19 e os trastornos menstruais. O organismo regulador europeo resalta que os trastornos menstruais son "moi comúns e poden ocorrer sen unha condición médica subxacente".

"As causas poden ir desde a tensión e o cansazo até condicións médicas subxacentes, como os  fibromas e a endometriose. As mulleres que experimentan unha hemorraxia vaxinal inesperada (por exemplo, en mulleres posmenopáusicas) ou que están preocupadas por alteracións menstruais prolongadas ou severas poden buscar consello médico", remarcan.