Investigan a morte violenta dun home no seu domicilio de Muros

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
O corpo sen vida foi achado de madrugada con signos evidentes de agresión, trasladaron fontes policiais.

A Garda Civil está xa a investigar as circunstancias da morte dun veciño de Muros (na comarca homónima) que foi achado na súa vivenda con signos de violencia. Segundo trasladaron fontes policiais, unha patrulla de Negreira desprazouse até o lugar dos feitos a pasada madrugada tras recibir un aviso do 112-Galiza.

As autoridades confirmaron que fora localizado o corpo sen vida dun home con signos evidentes de agresión.Para esclarecer o ocorrido abriuse unha investigación que leva a cabo o equipo da Policía Xudicial de Noia.

O persoal sanitario do 061 confirmou que o falecido é un home de 59 anos de idade, con iniciais J.M.B.. A central de emerxencias recibiu o aviso contra as 00.42 horas desa agresión.

Un mozo de 19 anos, tamén atendido

Ao lugar do accidente acudiron unha ambulancia asistencial de soporte vital básico e persoal médico do centro de saúde de Muros. O 061 confirmou que, alén do falecido, no punto foi atendida outra persoa: un mozo de 19 anos e iniciais A.M.P., que foi dado de alta alí mesmo.