Investigan a morte dunha muller atopada inconsciente, case espida e con signos de violencia en Nogueira de Ramuín

Lugar próximo ao dos feitos en Nogueira de Ramuín (Foto: Google Maps).
Segundo informan fontes dos servizos de emerxencias, trátase dunha veciña de Requeixo, en Nogueira de Ramuín, de nacionalidade ucraína, á que un veciño atopou tirada nun camiño entre Malburguete e O Tuxedo, próximo a unhas casas abandonadas.

A Garda Civil abriu unha investigación para esclarecer a morte dunha muller de 62 anos de idade, veciña de Nogueira de Ramuín (comarca Ourense), á que horas antes acharon inconsciente, semiespida e con signos de violencia nun camiño.

Segundo informan fontes dos servizos de emerxencias, trátase dunha veciña de Requeixo, de nacionalidade ucraína, á que un veciño atopou tirada nun camiño entre Malburguete e O Tuxedo, próximo a unhas casas abandonadas.

Esta persoa particular foi a que deu o aviso ao 112 Galiza do achado desta muller ferida que podía necesitar asistencia sanitaria. Así, a central de emerxencias, á súa vez, activou un operativo no que interviñeron o Instituto Armado e Urxencias Sanitarias-061.

Faleceu no hospital

A muller, da que a Garda Civil confirma a súa nacionalidade ucraína, foi trasladada en ambulancia ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO), onde faleceu ás poucas horas.

A investigación, segundo apuntan fontes coñecedoras do caso, mantén abertas todas as hipóteses para esclarecer a súa morte.