Investigan un menor por unha agresión sexual a unha nena en Cervo

Vivendas na parroquia de San Cibrao, en Cervo. (Foto: Nós Diario)
A vítima foi trasladada a un centro hospitalario para ser sometida a unha exploración médica.

A Garda Civil investiga nestes momentos un menor de 14 anos por unha suposta agresión sexual cometida contra unha nena na localidade de San Cibrao, no municipio mariñao de Cervo. Tamén está investigado outro menor de idade pola súa posíbel implicación no ocorrido.

Fontes próximas ao caso citadas pola axencia Europa Press trasladaron que os feitos ocorreron na tarde da pasada cuarta feira, 28 de febreiro.  Ao fío das 17.30 horas, unha persoa chamou a central de emerxencias do 112 para pedir axuda por esta agresión sexual que estaba a producirse nunha vivenda de San Cibrao.

Desde o teléfono de emerxencias trasladouse o aviso ás forzas policiais e a Urxencias Sanitarias-061, que acudiron ao lugar para atender a vítima, trasladada máis tarde a un centro hospitalario para ser sometida a unha exploración médica.

As dilixencias do caso formuladas pola Garda Civil foron trasladadas xa á Fiscalía de Menores, que se fai cargo do caso. Polo de agora non transcendeu máis información sobre o sucedido.