Investigan un intento de violación grupal por parte de cinco adolescentes en Ferrol

Un coche da Policía Nacional. (Foto: Europa Press)

Os autores están relacionados con outros catro episodios similares.

Axentes da Policía española da comisaria de Ferrol-Narón teñen aberta unha investigación para tratar de esclarecer o intento de violación dunha menor de idade por parte de cinco adolescentes, de entre 14 e 15 anos, que están relacionados con outros catro episodios similares.

Os feitos tiveron lugar o pasado 4 de marzo e tres dos implicados serían xogadores das categorías inferiores do equipo de fútbol do Racing de Ferrol.

O intento de violación produciuse na casa dun deles. Unha vez na vivenda, dous dos acusados agarrarían por pés e mans á vítima, e levaríaa a un dos dormitorios, onde accederon outros tres mozos.

Alí, abalanzáronse sobre a adolescente, coa intención de tocar as súas partes íntimas e espila, atopando a oposición da agredida. Os seus berros motivaron que outros dous mozos que había na casa saísen na súa axuda e lograsen poñer fin á agresión.

Días despois, o 10 de marzo, preséntase en sede policial a denuncia, que desencadea unha investigación por parte dos funcionarios públicos.

"Mini manada"

Tras iniciarse as pescudas, a Policía española intervén os teléfonos móbiles dos acusados e con iso dan por confirmado que os feitos denunciados eran reais.

Ademais, durante a investigación descubriron que había máis vítimas e que esta non era a primeira vez que realizaban accións deste tipo, polo que os axentes comezan a referirse a este caso como a "mini manada", xa que, tras varias entrevistas, preséntanse outras catro denuncias por accións similares.

Após trasladar as investigacións á autoridade xudicial, a Fiscalía de menores decretou o ingreso de dous deles nun centro de menores, mentres que os outros tres quedaron en liberdade.

Ademais, a vítima que presentou a primeira denuncia, de 15 anos, sufriu algunhas ameazas por parte da contorna dos adolescentes denunciados, e que motivaron o seu cambio de centro de estudos.

Segundo os datos proporcionados pola Policía española habería outra vítima a maiores, pero esta non quixo denunciar.