Investigan se hai conexión entre a orde de afastamento que tiña a parella da vítima do Porriño e o seu crime

Recollida de mostras no lugar no que se atopou o cadáver, no polígono das Gándaras do Porriño, a pasada quinta feira. (Foto: Adrián Irago / Europa Press)
O Goberno pide "deixar traballar" á Garda Civil para que determine se "existe conexión" entre esta e o "fatal desenlace", un asunto que aínda non se puido confirmar.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, apuntou esta segunda feira que se está a investigar nestes momentos se hai conexión entre a orde de afastamento que tiña a parella da muller achada sen vida a pasada quinta feira no Porriño (comarca de Vigo) e o crime. Así o manifestou ao ser preguntado polos medios, aos que confirmou que o home tiña unha orde de afastamento da muller.

Porén, pediu "deixar traballar" á Garda Civil para que determine se "existe conexión" entre esta e o "fatal desenlace", un asunto que aínda non se puido confirmar. "Quero ser prudente e imos deixar traballar á Garda Civil para que nos determine finalmente quen foi o autor ou autores", sostivo o delegado, que incidiu en que os axentes traballan con "todas as hipóteses" para que "o máis axiña posíbel" poida resolverse o crime.

Logo de trasladar as condolencias do Goberno aos familiares e achegados da vítima, Branco lembrou que a autopsia confirma que foi un crime violento. "Parece que é un feminicidio, desgraciadamente, pero aínda non podemos confirmar se é violencia de xénero ou de calquera outro tipo", explicou o representante do Goberno español, que incidiu en que as forzas e corpos de seguridade do Estado traballan para "antes que despois" localizar ao autor ou autores e cualificar o delito.

Morte violenta por asfixia

O informe preliminar da autopsia realizada ao corpo da muller achada na tarde desta quinta feira nunha zona de maleza do polígono industrial das Gándaras, no Porriño, confirmou que foi vítima dunha morte violenta, tal e como xa apuntaban os primeiros indicios. Unha vez ratificadas as sospeitas iniciais iniciouse unha "investigación criminal" para tratar de esclarecer as circunstancias da morte e dar co responsábel.

O cadáver foi identificado esta sexta feira, grazas ás pegadas dactilares e o recoñecemento por unha fotografía e unha tatuaxe, como Judith M.G., unha veciña de Vigo de 37 anos de idade cuxa desaparición non fora denunciada. Fontes coñecedoras da investigación sinalaron que a muller sería unha persoa drogodependente e apuntan que se encontraría en situación de prostitución. Nun primeiro momento tamén se valorou un posíbel crime machista. E, de feito, a Garda Civil aínda mantén abertas todas as hipóteses.