A explosión de Chapela é un caso de violencia machista

Imaxe: GZ Contrainfo

Un estoupido provocado acabou coa vida de María José M.G, de 52 anos, e a súa exparella Emilio F.C, de 47. As bombonas estaban manipuladas e el ameazara o día anterior con voar a casa.  

Unha explosión provocada acabou na noitiña da segunda feira en Chapela coa vida de dúas persoas, María José M.G e a súa ex-parella e pai dun dos seus fillos Emilio F.C. A investigación policial apunta a un caso de violencia machista: as gomas das bombonas estaban manipuladas, espallárase gasolina pola vivenda e el ameazara o día anterior con voarlle a casa, segundo recolle Atlántico Diario.

O estoupido derrubou parte da fachada da vivenda e provocou un incendio. Cando chegaron os efectivos de emerxencias atoparon dous corpos e un coitelo cabo dun deles. Nun primeiro momento pensábase que o fillo de 8 anos estaba con eles, polo que as tarefas se centraron en atopalo. A crianza, porén, estaba na casa dos avós.

A parella levaba un tempo separada. A Policía traballa coa hipótese de que sexa un caso de violencia machista con suicidio del. Testemuñas da veciñanza recollidas por diversos medios sinalan que as relacións entre ambos os dous eran malas.

Concentracións

Convocáronse concentracións para esta cuarta feira, 22 de febreiro, ás 20 horas en varias cidades e localidades de Galiza en rexeitamento a este novo asasinato machista.

A Coruña, no Obelisco

Compostela, Praza 8 de marzo

Ourense, Castañeira

Pontevedra, Audiencia Provincial

Lugo, diante do Concello

Vigo, Marco

Ferrol, diante do Concello

O Carballiño, diante do Concello

Ribeira, Praza do Concello

Bertamriráns (Ames), Praza da Maía

As Pontes, diante do Concello

A Ramallosa, cruxe xunto quiosco