Investigan o envío sen permiso de contido pornográfico a menores galegos a través de WhatsApp

Unha rapaza emprega o seu teléfono móbil. (Foto: Nós Diario)
Como informaba 'Nós Diario' o pasado mes de setembro, un estudo de Save the Children alertaba de que a pornografía e a falta de educación afectiva estaban detrás do aumento de agresións sexuais en menores.

O delegado do Goberno español na Galiza, Pedro Branco, confirmou que se está investigando na Galiza a posíbel chegada a menores, sen o seu permiso, de chats de Whatsapp con contido pornográfico.

Así o manifestou, a preguntas dos xornalistas, despois de que se difundise que alumnado dun colexio da área de Santiago de Compostela, foron incluídos en grupos con contido sexual, sen o seu permiso.

"A día de hoxe estase investigando, hai que ver", expuxo, a este respecto, o delegado do Goberno estatal, quen remarcou que no Código penal está tipificado "a transmisión de imaxes dese tipo". "Está a traballarse niso", insistiu.

Pornografía e agresións sexuais

Como informaba Nós Diario o pasado mes de setembro, un estudo de Save the Children alertaba de que a pornografía e a falta de educación afectiva estaban detrás do aumento de agresións sexuais en menores.

"Unha das causas detrás do aumento das agresións sexuais entre adolescentes é o acceso a unha pornografía que representa situacións de violencia e de desigualdade", apuntaba a directora de Incidencia Social e Política de Save the Children, Catalina Perazzo.

Segundo os datos de Save The Children, 7 de cada 10 adolescentes teñen acceso á pornografía e 30% asegura que é a única fonte de educación afectivo sexual que teñen. "Por sorte -apunta Perazzo- eles mesmos danse conta de que necesitan outro tipo de información e case 50% así o pide".