Investigan dous ex cargos do Goberno de Feixoo pola reapertura da mina de Varilongo

O director xeral de Enerxías e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, (Foto: Europa Press)
O ex director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e mais o ex secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Xusto de Benito, do Goberno da Xunta de Alberto Núñez Feixoo están a ser investigados por un xulgado compostelán en relación coa reapertura da mina de Varilongo (Santa Comba) sen avaliación do impacto ambiental.

Dous ex cargos do Goberno de Alberto Núñez Feixoo, o ex director xeral de Minas, Ángel Bernardo Tahoces, e o ex secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Xusto de Benito Basanta, están a ser investigados por un xulgado compostelán como presuntos autores dun delito de prevaricación ambiental.

Tanto Tahoces, que agora é xerente da Axencia de Industria Forestal, como Xusto de Benito Basanta, que no seu día deixou a Xunta da Galiza e foi nomeado para un posto na embaixada de España en París, foron citados a declarar a pasada terza feira en Compostela.

Fontes coñecedoras do caso, que avanzou o diario dixital Praza Pública, epxlican que a Fiscalía abriu dilixencias por mor dunha denuncia.

Esa mesma denuncia non incluía a petición de investigar ao que foi secretario xeral técnico da Consellaría, e agora presidente da xestora do Partido Popular (PP) en Santiago e deputado, Borja Verea, pero a Fiscalía si pon o foco nel. Mais dada a súa condición de aforado, a súa situación segue pendente de concretar, á espera do que faga o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG).

Reapertura da mina de Varilongo

O caso polo que están a ser investigados agora Ángel Bernardo Tahoces de Xusto de Benito xa fora denunciado por asociacións veciñais e ecoloxistas no seu día. Naquela altura xa alertaran de que a autorización por parte da Xunta, en 2011, da reapertura da mina de Varilongo, en Santa Comba, non contaba coa adecuada avaliación de impacto ambiental, a pesar de que existían informes que advertían de que a explotación podería contaminar as augas.

No marco da causa aberta, coa intervención de Fiscalía, o Servizo de Protección da Natureza (Seprona) realizou análises das augas que si revelaron niveis elevados de metais.

"Presunción de inocencia"

A Consellaría de Medio Ambiente da Xunta limitouse a trasladar o seu "respecto" ás actuacións xudiciais abertas.

Mentres, o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, restoulle importancia á causa xa que se refire á "revisión" dunha autorización administrativa "de fai dez anos" e apelou á "presunción de inocencia" para as persoas investigadas e engadiu que o que corresponde é "confiar na actuación e na independencia xudiciais".