Investigan por un delito contra a seguridade viaria un condutor que circulaba a 242 km/h pola A-6

Autopista A-6. (Foto: Lux Blue)
O Subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo rexistrou nesta segunda feira, 30 de xaneiro, a medida máis alta de exceso de velocidade: 242 km/h.

A Garda Civil informou de que esta segunda feira, 30 de xaneiro, pola mañá detectou na A-6, ao seu paso polo Corgo (comarca de Lugo), un turismo que circulaba sentido A Coruña a 242 km/h, cando a velocidade máxima permitida no lugar é de 120 km/h.

Tras a constatación do exceso de velocidade procedeuse a identificar o condutor do vehículo cando circulaba dirección a Sarria, no quilómetro 4 do CG2.2, que resultou ser un veciño de Monforte de Lemos (Terra de Lemos), de 39 anos de idade.

A Garda Civil trasladou que o home foi imputado en calidade de investigado como suposto autor dun delito contra a seguridade viaria por condución a velocidade excesiva, e confeccionáronse as oportunas dilixencias para o xulgado de instrución de garda de Lugo.

O Susector de Tráfico da provincia de Lugo detectou nos dous últimos anos un total de 22 delitos de exceso de velocidade, sendo a deste último caso a máis alta nun turismo medida polos equipos de radar do Subsector, e unicamente superada por unha motocicleta que circulaba a 257 km/h o pasado mes de febreiro na AG-64, autoestrada que une Vilalba (A Terra Chá) con Ferrol (Ferrolterra).

A velocidade inadecuada, determinante na sinistralidade

A Garda Civil recomenda precaución e respecto aos limiares de velocidade estabelecidos ao ser a excesiva ou inadecuada "un factor fundamental que determina a maior ou menor incidencia na sinistralidade viaria", así como a gravidade e o grao das lesións das vítimas en caso de accidente de tráfico.

Doutra banda, lembra que o Código Penal estabelece que aquel que conducise un vehículo de motor ou un ciclomotor a unha velocidade superior a 60 quilómetros por hora en vía urbana, ou en 80 quilómetros por hora en vía interurbana, á permitida regulamentariamente, será castigado coa pena de prisión de até seis meses, e en calquera caso, coa de privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e de ata catro anos.