Morre un home de 60 anos após caer por un desnivel o camión formigoneira que conducía en Manzaneda

As autoridades investigan o suceso e a estrada OU-0701 permanece cortada nese punto.
O camión precipitouse por un desnivel na OU-0701. (Foto: Garda Civil)
photo_camera O camión precipitouse por un desnivel na OU-0701. (Foto: Garda Civil)

Un home de 60 anos morreu ao precipitarse por un desnivel o camión formigoneira que conducía por unha estrada no concello de Manzaneda. Segundo informan fontes dos servizos de emerxencias, ocorreu contra as 11.20 horas desta segunda feia no punto quilométrico 15 da OU-0701, á altura da parroquia de Bidueira.

O 112-Galiza recibiu o aviso a través da chamada dun particular e, seguidamente, puxo en marcha un dispositivo no que participaron o GES de Castro Caldelas, Protección Civil de Manzaneda, a Garda Civil, os Bombeiros de Valdeorras e Urxencias Sanitarias-061.

Os servizos sanitarios mobilizaron até o punto un helicóptero medicalizado para atender o camioneiro, un veciño de Manzaneda de 60 anos que resultou falecido no sinistro.

A estrada atópase nestes momentos cortada ao tráfico por mor deste aparatoso accidente do que as autoridades policiais investigan agora as causas.

Comentarios