Investigan a causa da hepatite aguda infantil que afecta menores de 10 anos

A maioría de casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida descritos até o momento danse en crianzas de menos de 5 anos. (Foto: Nós Diario).
Galiza notificou dous casos que o Centro de Coordinación de Alertas estudará en colaboración coas autoridades territoriais, profesionais sanitarios e o Centro Nacional de Microbioloxía.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informou nas últimas horas ao Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias do Ministerio de Sanidade da detección na Galiza de dous casos de hepatite aguda infantil de orixe descoñecida, un área da Coruña e outro na de Vigo.

O aviso responde á alerta sanitaria lanzada polo Goberno de España, xunto á Organización Mundial da Saúde, pasado 13 de abril. Desde ese día realízase "unha observación e busca activa" de posíbeis casos de hepatites graves en crianzas cuxas causas se descoñecen.

Nas últimas semanas estase a notificar un aumento de casos en nenos e nenas de entre 1 e 6 anos en varios países. Escocia foi o primeiro, pasou de rexistrar catro casos anuais a anotar máis dunha ducia nun par de meses. Reino Unido comunicou máis de 70. Dinamarca, Países Baixos e Estados Unidos tamén investigan varios procesos sospeitosos. Mesmo se están a revisar posíbeis casos que puidesen pasar inadvertidos nos últimos meses.

Os identificados na Galiza ─un superou a doenza no mes de xaneiro e outro recupérase na actualidade cunha evolución clínica positiva─ cumpren os criterios determinados polo Ministerio de Sanidade e serán investigados. O procedemento correspóndelle ao Centro de Coordinación de Alertas en colaboración coas autoridades territoriais e os profesionais que considere, que ademais de recoller os datos de cada hepatite nunha enquisa teñen que procurar as mostras necesarias para o estudo causal no Centro Nacional de Microbioloxía.

Alerta e vixilancia

De momento, as autoridades sanitarias dos países cunha alerta declarada non confirmaron ningún falecemento. Si informaron de casos que xa superaron o proceso inflamatorio, doutros que precisaron hospitalización e duns poucos que requiriron, ademais, un transplante de fígado, un no Estado español, que conta con casos descritos na Galiza, Aragón, Madrid e Castela-A Mancha.

"O feito de que un rapaz poida ter unha hepatite e non sexamos capaces de identificar no 100% dos casos a causa que a orixina non é algo raro, é habitual na medicina e na pediatría", explica en declaracións a Nós Diario o xefe de Pediatría do Hospital Clínico de Santiago, Federico Martinón. O que motivou esta alerta sanitaria foi que se producisen varios casos e se acumulasen nun período curto de tempo nunha determinada localización xeográfica. 

"Os casos descritos de hepatite aguda afectan a menores de 10 anos, a maioría, crianzas de entre 1 e 5". Nas probas que se lles fixeron non se encontraron as causas habituais "por iso agora se están a realizar estudos adicionais, para tratar de dar coa súa orixe, que vai ser a que determine medidas específicas de prevención, detección e tratamento".

En mans do persoal sanitario

Federico Martinón xustifica a alerta sanitaria. "É algo que acontece de forma rutineira con outras enfermidades, mais neste nivel non debería ser obxecto de inquedanza para a poboación. É unha alerta que corresponde ás institucións sanitarias e aos organismos asistenciais e de investigación, que somos os que temos que determinar a causa e a dimensión destes gromos". 

Síntomas e causas

A hepatite é unha doenza inflamatoria que afecta ao fígado. "Os síntomas son os habituais: dor abdominal, diarrea, ictericia, febre... Neste caso descoñecemos a causa exacta, pero sabemos que non ten relación coa vacina contra a Covid", afirma Martinón. Entre as causas habituais, as infeccións víricas ou bacterianas, unha intoxicación e algunhas enfermidades autoinmunes ou conxénitas.

A orixe marca o tratamento. "Ao inflamarse o fígado, un órgano vital, deixa de funcionar de forma normal". Cando o dano é moi agudo, rápido ou irreversíbel é preciso un transplante. Con todo, chama á poboación "a non facer unha busca específica desta doenza". Non hai motivo. "En caso de enfermidade os pediatras saben cando sospeitar dunha hepatite aguda e que facer".