Investigan o achado de restos óseos e dun cadaleito nunha zona de monte en Lalín

Os restos foron atopados nunha zona de monte (Foto: Nós Diario).
Estanse a investigar os feitos para tratar de esclarecer quen depositou no lugar eses restos e de localizar á familia da persoa a quen pertenzan estes restos óseos.

A Policía Xudicial investiga o achado de restos de ósos, dun cadaleito e dun nicho nunha zona de monte no lugar de Lamas, no municipio de Lalín, na comarca do Deza.

Segundo confirmaron fontes próximas á investigación, unha persoa que camiñaba pola zona a última hora da tarde da quinta feira atopou estes ósos e deu aviso á Garda Civil.

Tras desprazarse até o lugar o equipo da Policía Xudicial, realizaron unha inspección ocular e acharon restos óseos que, tal e como indican estas mesmas fontes, son de hai "moito tempo".

Ademais, tamén atoparon roupa pertencente a unha muller, restos do cadaleito e do nicho, así como de cemento. As primeiras investigacións apuntan a que os restos proceden do baleirado ou limpeza dun nicho ou dun pazo onde antigamente se realizaban enterramentos.

Agora, a Garda Civil investiga os feitos para tratar de esclarecer quen depositou no lugar eses restos e de localizar á familia da persoa a quen pertenzan estes restos óseos.