Investigal, á Xunta: “Coa precariedade das investigadoras non se pode frivolizar”

Laboratorio da USC (Foto: Arxina).

Galiza inviste tan só 0,94% do seu PIB en I+D+i. Un valor inferior ao da media estatal, que se sitúa en 1,24%, e europea (2%). Aínda así, o PP votou no Parlamento da Galiza contra o desbloqueo da situación que sofren as investigadoras e investigadores posdoutorais. O colectivo Investigal critica que a Xunta non convoque as axudas posdoutorais.

O Goberno galego non convocará as axudas posdoutorais nas súas modalidade A e B e non desbloqueará a situación que sofren investigadoras e investigadores posdoutorais galegos. E isto a pesar de que a Galiza parte dunha achega ao seu Produto Interior Bruto (PIB) á investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) inferior ao da media estatal e europea.

“A verdade, contabamos con isto. Todos os anos por estas datas temos unha iniciativa sobre o tema das posdoutorais, a pesar de que saben que o sistema da Galiza é obxectivamente mellor co resto de España”. Son as palabras do deputado do PP Martín Fernández Prado na comisión parlamentar que decorreu a terza feira. Unhas verbas que molestaron no colectivo de investigadoras e investigadores Investigal.

Diferenzas entre territorios

“Gustaríanos coñecer os parámetros en base aos cales afirma que o programa galego é mellor co resto do Estado, máis tendo en conta que na Galiza se inviste o 0,94% do PIB en I+D+i, valor por debaixo da media estatal (1,24%) ou europea (2%) e moi afastado doutras comunidades como o Euskadi (1,96%), Madrid (1,71%), Nafarroa (1,68%), Catalunya (1,52%) ou Castela e León (1,3%)”, expresa Investigal nun comunicado de prensa.

A proposta defendida por BNG e PSdeG para resolver as axudas posdoutorais decaeu debido ao voto en contra do PP. A xustificación dos populares: “os contratos dos investigadores foron prorrogados seis meses polo goberno autonómico”.

“Acollemos con sorpresa a negativa do grupo parlamentario popular e os seus argumentos, tendo en conta o comunicado emitido o pasado 29 de abril polo propio goberno galego no que se expón que a prórroga de seis meses serve para paliar os efectos que o estado de alarma tivo sobre as investigacións en curso e que en ningún caso xustifica a falta de convocatoria no 2020”, afirma Investigal.

No mesmo comunicado de abril, a Xunta expuña que as axudas á modalidade A dos contratos sufriría un atraso da publicación “até que as circunstancias así o aconsellen e permitan definir os novos parámetros polos que terá que rexerse”. E da B sinalaba que se realizaría “unha convocatoria de tramitación anticipada na anualidade do 2020” que se resolvería “a principios do ano 2021”.

Investigal desmonta as "escusas"

“A escusa da prórroga dos contratos non serve de argumento para non convocar a modalidade A, xa que esta axuda está orientada para que as novas doutoras (perto de 400 por ano na Galiza) poidan iniciar a súa etapa posdoutoral. Isto implica que a maior parte destes investigadores xa defenderon a súa tese doutoral para acadar o estatus de doutor ou doutora, polo que os seus contratos non foros prorrogados en ningún caso”, explica Investigal.

Ademais, outros programas posdoutorais que implican mobilidade internacional si mantiveron sen alteracións o seu calendario de convocatorias, como as Postdoc Berri do Goberno Vasco (convocadas en xullo) ou o prestixioso programa europeo Marie Skłodowska-Curie Actions (MSCA).

“Os problemas relacionados coa convocatoria destas axudas posdoutorais non son novos e amosan o pouco interese que o Goberno de Galiza ten en considerar a investigación como eixo estratéxico do país”, lamenta o colectivo, que chama a Xunta da Galiza a “non frivolizar” coa “precariedade das investigadoras e investigadores”. “Pedimos respecto ante unha situación provocada pola falta de previsión (un ano máis) da Xunta da Galiza”, acrecenta.

Atrasos e falta de convocatorias

As citas axudas non se convocaron no ano 2010 nin en 2015. Ademais, desde 2016 prodúcense prodúcense atrasos sistemáticos na súa convocatoria, o que favorece que as persoas candidatas pasen longas tempadas desempregadas, agardando por esta oportunidade laboral, ou mesmo a fuga de cerebros ao estranxeiro, facendo que perdamos talento propio que foi formado con orzamentos públicos.

Ante a falta de previsión, Investigal empraza a Xunta, igual que fixo noutros anos, a financiar con “contratos ponte” os investigadoras posdoutorais que rematan o seu contrato o 31 de decembro até que a nova convocatoria sexa publicada. “Cabe destacar que a Xunta investiu entre 100.000 e 120.000 euros na formación de cada unha destes investigadores que quedarán no paro: co modelo actual formamos talento para o desfrute doutras comunidades ou países”, afirman os afectados, que solicitarán unha reunión con Francisco Conde, vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, e con Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Cultura e Universidades.