InvestiGal denuncia que a Xunta penaliza ás investigadoras por ser nais

Unha investigadora nun estudo sobre a Covid-19, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

A Rede Galega pola Investigación asegura que as traballadoras posdoutoriais están a ser “discriminadas” como consecuencia da maternidade. Así o traslada nun comunicado facendo referencia a casos concretos.

Investigal, a Rede Galega pola Investigación, vén de acusar á Xunta de levar a unha “situación de desamparo e discriminación” ás investigadoras posdoutorais que apostan na maternidade. Segundo o colectivo, ao igual que sucedeu “no pasado, as persoas pertencentes á convocatoria de Axudas Posdoutorais Xunta de Galicia 2017 que foron nais durante a duración dos seus contratos volven atopar as mesmas dificultades para continuar coa súa carreira investigadora”.

Nun comunicado, explican que o Executivo galego fai gala de “falta de previsión” e rexeita facer cambios na normativa para evitar unha discriminación das empregadas cando teñen un fillo ou filla.

De feito, din que este tipo de situacións que impiden ou dificultan seguir avanzando na traxectoria profesional ás mulleres estanse a “converter en recorrentes dentro do sistema universitario e investigador galego”.

A plataforma entende que a Xunta debería pór da súa parte para que as investigadoras que tiveron permisos de maternidade poidan, despois, equipararse ao resto das persoas que solicitan as axudas na seguinte convocatoria.

Unha das propostas que fai é que o tempo de baixa conte como de traballo ou que se estabelezan fórmulas para ponderar o tempo de experiencia nos seus currículums, de maneira que ser nais non implique unha “penalización nas súas carreiras”.

Propostas para avanzar

Membros de Investigal mesmo chegaron a recorrer á Valedora do Pobo, que lles deu a razón. Ademais, se demandou unha xuntanza coas autoridades políticas para que “aclaren os termos mediante os cales van ser avaliadas e as medidas” que a consellaría de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria “ten pensado tomar para a vindeira convocatoria de axudas que supoñen a continuación da súas carreiras investigadoras e que, previsiblemente, sairá a principios do 2021”.

Para adiantar o acordo, a rede entregou por rexistro un documento que contén algunhas das propostas que, entenden, serían viábeis, para dar por solucionada a situación. Neste contexto de enfrontamento, piden a implicación do departamento de Emprego e Igualdade como mediador.