Investigados por tres delitos os detidos por presuntos abusos sexuais a unha rapaza en Monforte

Xulgados de Monforte de Lemos. (Foto: Google Maps)
Os abusos, presuntamente consentidos pola súa nai, comezarían cando a vítima tiña só dez anos.

O octoxenario detido por presuntas agresións sexuais a unha menor, e outra muller, nai da vítima, por consentilas, en Monforte de Lemos quedaron en liberdade esta segunda feira, após pasar a disposición xudicial a pasada sexta, cunha orde de afastamento da menor e a prohibición de comunicarse con ela.

Fontes xudiciais apuntaron a Europa Press que o octoxenario está a ser investigado por un presunto delito de agresión sexual cometido sobre unha menor de 16 anos e outro de aceptación dunha proposta de prostitución. Á muller, pola súa parte, impútaselle un delito de indución á prostitución.

A propia menor foi quen denunciou os feitos, presuntamente consentidos pola súa nai, que comezaron cando tiña dez anos, segundo indicou o xornal El Progreso. Os axentes céntranse agora en investigar outros homes, todos eles de avanzada idade, por presuntos abusos á moza.

"Evitar o de Baleira"

A entidade sen ánimo de lucro Fundación Amigos de Galicia apuntou que a súa intención é participar neste caso, xa que un dos obxectivos "é a protección da infancia, sobre todo, en casos como estes en os que a familia ten conflito de intereses".

Segundo trasladou a entidade, "aínda non se sabe nada do xuízo", pero xa se puxeron "en contacto" coa súa procuradora para que os "informe da situación do caso" e comezar a preparalo.

Queren impedir "que se repita o caso de Baleira", en alusión á condena a tres anos de prisión para dous homes e unha muller por abusar sexualmente, de maneira continuada, dunha nena entre os 7 e os 13 anos.

A recente sentenza provocou infinidade de reaccións e protestas nas rúas convocadas polo movemento feminista. Baixo o lema 'Contra o silencio cómplice, contra a xustiza patriarcal' e ante o que consideran "feitos moi graves", a Plataforma Feminista de Lugo, o Foro Feminista ou a Marcha Mundial das Mulleres protestaron para reclamar a dotación dos medios "necesarios" para alertar sobre as violencias contra as nenas e as mulleres.