Expertos avogan por descentralizar as depuradoras: "Hai moitas substancias contaminantes nas nosas augas"

Depuradora de augas de Ourense. (Foto: Xunta da Galiza)
Persoal investigador da USC considera que o máis axeitado é un "tratamento descentralizado" das augas en función das súas características: potábeis, residuais ou naturais.

Persoal investigador da Universidade de Santiago (USC) está a traballar nun proxecto, denominado 'Presage', que aposta nun tratamento descentralizado das augas residuais. Así, propoñen separar os diferentes tipos de augas —industriais, hospitalarias, auga da choiva, procedente das vivendas, das residencias, de edificios públicos, etc.—, no canto de unilas todas, como se fai agora, para tratalas "de maneira independente segundo as súas propias características". A iniciativa presentouse na 12ª Conferencia Micropol & Ecohazard, que reúne esta semana en Compostela 300 especialistas no tratamento de augas, procedentes de 41 países do cinco continentes, nomeadamente de Europa e Asia.

Explican que este encontro de referencia internacional, promovido polo Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (Cretus) da USC, céntrase no estudo dos microcontaminantes e dos contaminantes "emerxentes" da auga, quer potábel quer residual ou no medio natural. O catedrático de Enxeñaría Química e presidente do comité organizador do encontro, Francisco Omil, que pertence ademais ao Grupo de Biotecnoloxía Ambiental e ao Cretus, destacou que a USC "é un referente mundial no ámbito das ciencias e tecnoloxías ambientais".

Omil explicou que se consome na actualidade "unha elevada cantidade de produtos farmacéuticos". "Somos un dos principais países consumidores de analxésicos e outro tipo de produtos creados polo home que acaban vertidos ás augas residuais, polo que debemos saber que compostos químicos estamos a lanzar á auga. Na Galiza estamos empezando a analizar a presenza destas substancias na auga e xa dispomos de moita información", detallou.

Comentou, aliás, que xa se demostrou que a presenza de hormonas na auga provoca a feminización ou masculinización de especies. Alén de fármacos, sinala que a presenza de hormonas na auga provoca efectos nocivos sobre diferentes organismos. Fixo referencia neste senso ao caso particular dos disruptores endocrinos, "químicos capaces de alterar o funcionamento das hormonas e, por tanto, con capacidade para afectar negativamente a nosa saúde e a doutras especies".

Explica que estes disruptores poden acharse nunha gran cantidade de químicos que forman parte de moitos produtos de uso cotián, como cosméticos, perfumes, aditivos alimentarios e pesticidas, que "acaban liberándose ao medio", provocando diversos efectos sobre os organismos como malformacións, cambios na conduta sexual ou esterilidade. "A presenza destes compostos fai necesarias especiais medidas de tratamento das augas residuais", indicou o investigador.

Unha solución "nova e económica"

A este respecto, os expertos insisten en que as estacións depuradoras actuais "non están preparadas" para eliminar os miles de compostos novos que se verten á auga. "Trátase de avanzar cara a plantas depuradoras que sexan efectivas fronte a estes contaminantes emerxentes", apuntan.

Así, defenden que 'Presage' é unha solución "nova e económica". Nesta liña, comentan como exemplo que os hospitais deberían ter a súa propia planta depuradora, unha planta de pequeno tamaño para abordar un determinado caudal e un tipo de augas moi específicas.

Neste proxecto da Universidade de Santiago de Compostela colaboran investigadores e investigadoras de Dinamarca, Alemaña, Francia, Brasil e Portugal. Remarcan ademais que xa están a pór en práctica esta idea no polígono industrial de Porto do Molle, en Nigrán, onde se tratan as augas residuais dun edificio en particular, separando as augas grises das augas negras, que, segundo o equipo, dispoñen dun gran potencial enerxético.

Nesta liña, destacan que o equipo da USC mantén convenios con máis de 125 empresas para transferir os seus resultados de investigación, e desenvolveu varias patentes para a eliminación de microcontaminantes. O congreso conta co apoio de catro empresas galegas, interesadas en incorporar aos seus procesos os resultados das diferentes investigacións que se están presentando: Espiña e Delfín, Viaqua, Aqualia e Gestagua, xunto a Augas da Galiza.