Investigadores de Medicina da USC publican un dos maiores estudos sobre radon e cancro de pulmón

A particularidade do traballo reside no tamaño da mostra: 1.842 casos e 1.862 controis, con máis de 3.700 participantes procedentes de varios hospitais e territorios. "Galiza é a comunidade máis afectada por este gas de orixe natural”.

Investigadores do Laboratorio de Radon de Galicia, da Facultade de Medicina da USC, acaban de publicar un estudo en Environmental Research, unha das revistas máis prestixiosas en epidemioloxía ambiental, no que se observa un aumento do risco de cancro pulmonar asociado á exposición a radon residencial e ademais cunha relación lineal.

A particularidade do traballo, liderado polo profesor Alberto Ruano Raviña, reside no tamaño da mostra: 1.842 casos e 1.862 controis, con máis de 3.700 participantes procedentes de varios hospitais e territorios, que o sitúa como un dos estudos máis importantes en canto a tamaño sobre radon en cancro de pulmón.

Os resultados indican a existencia dunha relación lineal e estatisticamente significativa na relación entre radon e cancro de pulmón. A maiores, os investigadores identifican igualmente que o tabaco produciría unha importante amplificación do efecto, “así, unha persoa gran fumadora, pode chegar a multiplicar practicamente por 3 o seu risco de cancro de pulmón (xa de por si moi alto) se pasa de estar pouco a moi exposta ao radon no seu domicilio”, aclara Alberto Ruano.

As persoas expostas a máis de 200 Bq/m3 duplican o risco de cancro de pulmón respecto a aquelas en contextos inferiores a 50 Bq/m3 na súa vivenda. Para o profesor Ruano, “estes resultados indican a importancia do radon como factor de risco do cancro de pulmón e a necesidade da implantación da directiva europea sobre as radiacións ionizantes, que xa debería estar en vigor dende febreiro de 2018 no Estado”.

Subliña tamén a importancia de poñer en marcha iniciativas locais “xa que Galiza é a comunidade máis afectada por este gas de orixe natural”