Investigación

Persoal investigador da Galiza e Catalunya colabora no ensaio clínico dun fármaco oral para a Covid-19

Test positivo da Covid-19. (Foto: Nós Diario)
O medicamento, un dos poucos destas características que se están a producir no mundo, xa superou a primeira fase e demostrou a súa seguridade en persoas humanas.

Persoal investigador da Galiza e Catalunya colaboran no ensaio clínico do primeiro fármaco oral fabricado no Estado español para o tratamento da Covid-19, do que participan perto de 120 pacientes destes dous territorios.

Así o presentaron esta segunda feira no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), situado no Hospital Clínico compostelán, no que investigadores cataláns e galegos explicaron que o ensaio 'SIMGA4 Covid' trata dun estudo "pioneiro no Estado".

A directora do IDIS, María Luz Couce, resaltou a actividade "innovadora" da que colaboran profesionais de Atención Primaria e hospitalaria da Galiza e Catalunya nun traballo de "alto impacto no campo da saúde".

Pola súa parte, a coinvestigadora deste estudo pola parte galega, Mabel Loza, do grupo Biofarma, incidiu en que se trata do primeiro ensaio e investigación no Estado español dun fármaco oral para tratar a Covid-19 e que se inclúe entre a ducia, a nivel mundial, de medicamentos destas características.

O fármaco xa superou a fase un "en seguridade en humanos", subliñou Loza, e agora atópase na segunda fase de probas.

Por parte dos investigadores cataláns presentes, Santiago Grao incidiu na "maridaxe Galiza-Catalunya" para avanzar neste ensaio clínico, mentres que Rafael Maldonado matizou que se enmarca nunha "colaboración a longo termo público-privada".

Tal e como precisou Loza, trátase dun dos poucos fármacos orais para o tratamento da Covid-19 que se están a producir en todo o mundo. Un dos máis destacados, Paxlovid (Pfizer), chegou á Galiza en marzo.