Investigadores galegos crean moléculas para transportar a vacina contra a Covid-19

(Foto: USC)

Permite replicar a estrutura de calquera proteína do virus e deseñar con gran celeridade un mensaxeiro para que as nosas células sinteticen o antíxeno.

O equipo de investigadores que dirixe Javier Montenegro desde o CiQUS -Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares- traballa na obtención dunha molécula que sexa eficaz como vehículo de transporte dunha posíbel vacina contra a Covid-19. É un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia no Estado para obter unha vacina contra o coronavirus.

Tal como explica o investigador, “trátase dunha vacina baseada no emprego da tecnoloxía do ARN (ácido ribonucleico) mensaxeiro. Estas moléculas codifican na súa estrutura a información para a síntese dunha proteína. Cando se adentran no interior das células, a maquinaria molecular comeza a funcionar para sintetizar a proteína que codifica este mensaxeiro”. É unha tecnoloxía similar á vacina que está a desenvolver a farmacéutica estadounidense Moderna, que nestes intres está entre as estratexias máis avanzadas na carreira por conseguir un antídoto contra a COVID-19.

A diferenza doutras metodoloxías, a empregada polo equipo de químicos da Universidade de Santiago usa un novo vehículo eficiente e non tóxico para expresar a proteína exacta da Covid-19. Segundo indica o investigador, “as proteínas sofren modificacións dentro das células pero a tecnoloxía do ARN mensaxeiro permite estas modificacións, polo que é unha réplica do antíxeno natural”.

Javier Montenegro sinala que o principal problema que presenta o ARN é que se trata dunha molécula “moi sensíbel, degrádase con moita facilidade e non atravesa as membranas das células por si só”. Non obstante, hai sete anos o equipo da Universidade de Santiago identificou o potencial da enxeñaría xenética e da terapia xénica e viron que os químicos poden contribuír a deseñar e preparar moléculas para protexer o ARN da súa degradación e poder entregalo así ao interior das células.

A Universidade de Santiago de Compostela ten en marcha o programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa impulsada polo Consello Social e a Vicerreitoría de Planificación e Proxección Estratéxica da USC. O Consello Social, presidido por Cecilia Sierra, busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos.