Investigadores da USC descobren que os mecanismos de comunicación molecular funcionan como un ‘Xogo de Tronos’

O grupo do CiQUS liderado por Félix Freire e Emilio Quiñoá é de referencia a nivel mundial (Foto: USC)

O achado contribúe a entender mellor os mecanismos de comunicación molecular, feito que permitirá o desenvolvemento de novos  nanomateriais con aplicacións en biomedicina e TIC.

Investigadores do grupo de  Polímeros Helicoidais, Sensores e  Nanoestructuras do Centro Singular de Investigación en Química  Biolóxica e  Materiais Moleculares (CiQUS) da USC, liderados por Emilio  Quiñoá e Félix Freire, conseguiron  que a súa investigación no desenvolvemento de novos materiais intelixentes se recollese, por quinta vez nos últimos meses, en Angewandte  Chemie, unha das revistas máis prestixiosas  no ámbito da Química a nivel mundial.

Este novo traballo, titulado From  Sergeants  and  Soldiers  to  Chiral  Conflict  Effects  in Helical  Polymers  by  Acting  on  the  Conformational  Composition  of  the  Comonomers, utiliza resonancias bélicas. Así, emprega termos como “sarxentos e soldados” e “conflito  quiral”, que reflicten os distintos “enfrontamentos” que ten lugar entre diferentes compoñentes moleculares en  polímeros helicoidais para dirixir o sentido de xiro de hélice final no material.

Así, os autores do traballo fan unha  analoxía cun “xogo de tronos” para determinar quen goberna a estrutura do material (os polímeros). Neste xogo, os distintos componentes “loitan” para obter o poder e dirixir así a estrutura do material.

A estes compoñentes chámanselles “sarxentos” ou “soldados” dependendo do rol que desenvolvan en cada momento, que pode variar dependendo de alianzas externas ou factores ambientais.

Nalgúns casos, esta loita polo poder pode acabar en táboas.

A achega constitúe un novo fito no estudo da comunicación quiral en  macromoléculas, unha liña na que o grupo do CiQUS liderado por Félix Freire e Emilio Quiñoá é de referencia a nivel mundial, ao descubrir e nomear novos fenómenos nestes  nanomateriais intelixentes.

As súas potenciais aplicacións van desde o desenvolvemento de novos sensores ao almacenamento de información a nivel molecular.