Investigadores da USC avanzan no desenvolvemento dunha vacina fácil de producir e que non precisa frío para a súa conservación

Maria José Alonso (Foto USC)
“Atopámonos en fase de avaliación clínica da vacina. Os ensaios con animais dirán se a resposta é potente e o seguinte paso será realizar os ensaios clínicos", indica a responsábel do proxecto, a catedrática María José Alonso.

O proxecto liderado por Mª José Alonso desde o CiMUS -Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da Universidade de Santiago- traballa, desde o inicio da pandemia, no desenvolvemento dunha vacina innovadora contra o SARS-CoV2 baseada na tecnoloxía do ARN mensaxeiro. É un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia no Estado español para obter unha vacina fronte á pandemia do coronavirus.

A catedrática indica que calquera tipo de vacina precisa dun adxuvante ou axente inmunoestimulante que cómpre engadir e que é case tan importante como o antíxeno. Explica que “igual que as vacinas de Pfizer e Moderna, a nosa, baseada na nanotecnoloxía farmacéutica, consiste en nanopartículas que conteñen ARN (ácido ribonucleico) mensaxeiro, é dicir, que trala administración destas partículas a un organismo por medio dunha inxección, o que ocorre é que as nanopartículas dirixen o ARN ao interior das células, transfiren a información xenética e xa o noso organismo produce o antíxeno que dá lugar á resposta inmune e nos vai defender fronte á enfermidade”.

Estas nanopartículas foron deseñadas polo equipo da Universidade de Santiago e son diferentes ás de vacinas similares como as de Pfizer ou Moderna. “Botando man da intelixencia artificial, deseñamos segmentos do ARN que foron asociados a nanopartículas no noso laboratorio” -sinala a investigadora-. Ao longo destes meses o equipo produciu máis de 150 prototipos usando diferentes biomateriais, logo seleccionaron os que cumprían os requisitos necesarios e, unha vez testados in vitro, resultaron 10 candidatos que foron testados in vivo e dos que se analizou a súa resposta celular e viral para comprobar cal era o mellor candidato.

“Atopámonos en fase de avaliación clínica da vacina. Os ensaios con animais dirán se a resposta é potente e o seguinte paso será realizar os ensaios clínicos. Somos moi positivos e, de feito, a tecnoloxía desenvolta no noso laboratorio xa está a probarse desde o punto de vista do escalado (estabilidade, criterios de fabricación...) na empresa catalá Hypra, que será a encargada de fabricar a vacina” -explica María José Alonso-.

A investigadora asegura que “a nosa finalidade é conseguir unha vacina óptima, que sexa estábel para que tamén poida ser accesíbel aos países en vías de desenvolvemento, onde as infraestruturas sanitarias son moi precarias e resulta ademais moi complexo manter a cadea de frío. Trátase dunha vacina fácil de producir e de transportar o antíxeno, ao tempo que é doada de fabricar a grande escala”.

A USC ten en marcha o programa de micromecenado “Sumo Valor”, unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade co apoio do Consello Social da USC. O Consello Social, presidido por Cecilia Sierra, busca darlle máis visibilidade e aumentar a captación de fondos.