Investigadores da USC avanzan no descubrimento de novos fármacos antitrombóticos

Pola esquerda, Ángel García Alonso, María N. Barrachina, Serena Lacerenza, Irene Izquierdo (primeira autora), Lidia Hermida-Nogueira, e Luis A. Morán

A identificación do mecanismo de activación dun receptor de plaquetas pode ser determinante no desenvolvemento de eventos isquémicos.

Investigadores da USC acaban de descifrar o mecanismo e as proteínas chave para a activación dun receptor de plaquetas (CLEC-2), fundamental no mantemento da integridade vascular e que pode supoñer un antes e un despois na identificación de fármacos  antitrombóticos. Este receptor xoga un papel menor na  hemostasia –a detención dunha hemorraxia- pero contribúe á estabilización do  trombo; un proceso que é fundamental no desenvolvemento de eventos isquémicos asociados á activación indesexada das plaquetas.

O grupo Platelet Proteomics do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) lidera este estudo publicado na revista Thrombosis and Haemostasis, que ademais ilustrou a portada desta publicación, e que analiza como se activa o receptor  C-type  lectin- like receptor-2 (CLEC-2), chave na integridade vascular e desenvolvemento dos vasos  linfáticos embrionarios; así como en metástases  hematóxenas mediadas por plaquetas. 

“Este estudo investiga en detalle o mecanismo de activación deste receptor de plaquetas para así poder identificar que proteínas son claves na devandita activación. Isto foi posible grazas a unha combinación de análises  fosfoproteómicos,  bioquímicos e funcionais a nivel das plaquetas sanguíneas”, explica o investigador da USC Ángel García.