Investigadoras predoutorais exixen estabilidade nas convocatorias das bolsas

Investigadora nun dos laboratorios da Universidade de Santiago de Compostela (Foto: Santi Alvite).
O colectivo mobilizarase esta sexta feira conta a xestión da Xunta.

A Rede Galega pola Investigación (Investigal) mobilizarase esta sexta feira, 18 de agosto, ante San Caetano, en Compostela, para denunciar a convocatoria de axudas predoutorais da Xunta da Galiza que, segundo afirman, deixa fóra "moitas persoas candidatas, desouvindo as tres Universidades" galegas, e aplicando "criterios arbitrarios". 

A etapa predoutoral na careira investigadora é, segundo Investigal, "esencial non só na formación do persoal investigador, senón tamén motor básico do traballo de investigación". É por isto polo que desde o colectivo consideran que a xestión da carreira investigadora por parte do Executivo galego aboca ao abandono da mesma.

Segundo sinala a Nós Diario André Vidal, integrante de Investigal e afectado pola situación "provocada pola Xunta", a nova convocatoria dos contratos predoutorais obrígaos a estar matriculados nun programa de doutoramento durante o pasado curso 22/23 para poder acceder ás axudas. Esta matrícula, segundo Vidal, "obriga a perder un ano para poder acceder a estas axudas, o que corta a actividade investigadora que xeralmente se realiza durante as etapas de mestrado". Un criterio que "deixa centos de persoas candidatas fóra, xa que dita matrícula fechou en setembro de 2022". 

O colectivo tamén critica o aumento da nota media para acceder ás axudas. "Os criterios de nota non se atopan directamente relacionados coa capacidade investigadora", por iso, noutras convocatorias homólogas "non existen".  "Os fondos das axudas proveñen da Unión Europea e son as comunidades as que os xestionan, estabelecendo os criterios de adxudicación", explica Vidal. "Con todo, a Xunta non só os mantén, senón que os endurece", afirma. 

Promoción 'precaria'

“Segundo nos indican desde a Administración, esta situación poderase repetir o próximo curso. Isto leva a unha obriga de deixar un ano 'tiradas' as posíbeis solicitantes, unha promoción deliberada da precariedade, obrigadas a facer currículo ou non desligarse do ambiente investigador, mais sen posibilidade de sustento económico", traslada Vidal a Nós Diario. Investigal considera que "a aposta pola investigación faise mediante o aumento do financiamento e non a redución da formación apenas a unha cohorte en función do expediente". A modificación "ano a ano" dos criterios das axudas crea neste colectivo "un clima de incerteza e impide axustarse ao perfil necesario".

"Debemos exixir á Xunta o mínimo: estabilidade, claridade e medios para realizar o labor de investigación", sentencia, afirmando que o necesario é "facer unha revisión integral" para garantir a continuidade dunha tarefa tan "importante como é a investigación de base".  

Estes son os motivos que levan o colectivo a mobilizarse o día 18, asegurando buscar o remate da "situación sangrante da investigación", a modificación inmediata das bases da actual convocatoria antes da súa publicación no Diario Oficial da Galiza –que precisamente se prevé aconteza no mesmo día– e a revisión e camiño cara un novo modelo, "máis universal, máis dotado e estábel" nas convocatorias vindeiras. 

Premios á excelencia académica vs. axudas á investigación

"En vez dunhas bolsas, este ano a Xunta da Galiza convocou máis ben uns premios á excelencia académica: puntúa moito máis a nota media que, por exemplo, as túas publicacións ou o teu proxecto de tese", afirma a este xornal o biólogo xenetista André Vidal, afectado polas condicións da nova convocatoria de bolsas. "Só queremos estabilidade nos criterios das axudas, saber a que nos imos enfrontar", sinala.