Investigadoras da USC esixen ao reitor a mellora das súas condicións laborais

Imaxe do Pazo de Fonseca. Foto: cedida.

A Asemblea de Investigadoras de Compostela urxen ao reitor da Universidade de Santiago a que, tal e como se comprometeu durante a campaña electoral, atenda as súas reivindicacións. As principais, as relativas ás súas condicións laborais.
 

O reitor Antonio López comprometeuse a manter “encontros regulares” co colectivo, lembra a Asemblea que agrupa persoal dos diferentes sectores da investigación universitaria: investigadores, técnicos e xestores. O obxectivo era “buscar solucións aos problemas que lle trasladabamos”.

 

“Chegouse a comprometer publicamente a solucionar urxentemente a nosa solución”, engade. Case sete meses despois de que López gañase as eleccións á reitoría, a Asemblea de Investigadoras de Compostela manifesta o seu “malestar” nun comunicado remitido aos medios de comunicación.

 

“”Vemos con preocupación a situación na que se atopa a investigación da USC debido ás condicións de inestabilidade e precariedade na que centos de persoas teñen que traballar diariamente”, sinala a Asemblea, “como vemos con preocupación a xestión dos recursos económicos dedicados a investigación na USC”.

 

Para este colectivo, a universidade compostelá tampouco respecta a Carta Europea do Persoal Investigador nin o Código de Conduta para contratación “de obrigado cumprimento para seguir mantendo o selo HR de excelencia en investigación”.

 

A Asemblea de Investigadoras remata cun chamado público aos sectores implicados na comunidade universitaria en situación precaria ou sen contrato a “unirse e reclamar melloras urxentes; ás investigadoras principais a corresponsabilizarse e ao equipo de goberno a deixar de mirar para outro lado”.