A investigadora galega Marisol Soengas recibe o premio Pezcoller-Marina Larcher Fogazzaro polo seu traballo sobre o cancro

A investigadora galega Marisol Soengas. (Foto: Amparo Garrido)
O galardón recoñece "a excelencia e os seus logros no ámbito da investigación sobre o cancro", así como o seu liderado e exemplo na promoción das mulleres neste campo.

A investigadora do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO), Marisol Soengas, vén de recibir o premio Pezcoller-Marina Larcher Fogazzaro polo seu traballo sobre o cancro.

Natural do concello de Agolada, foi galardoada pola Asociación Europra para a Investigación do cancro, que recoñece "a excelencia e os seus logros no ámbito da investigación sobre o cancro", así como o seu liderado e exemplo na promoción das mulleres neste campo.

Soengas é xefa do grupo de melanoma do CNIO, que identificou factores pro-oncoxénicos que definen as chamadas "señas de identidade do melanoma" e que o distinguen de máis de 25 tipos de cancro.

O seu grupo de investigación tamén desenvolveu modelos animais que permiten visualizar a evolución do melanoma desde fases moi temperás, e atopou novos mecanismos de inmuno-resistencia.

Membro da AGF

Marisol Soengas é membro da Academia Galega de Farmacia (AGF) e da Real Academia de Farmacia do Estado español. Asemade, foi escollida vicepresidenta da Asociación Española de Investigación sobre o cancro.

A condecoración chega nun momento no que as investigadoras galegas seguen a mobilizarse contra a situación de precariedade na que traballan.

A reforma legal impulsada polo Goberno do Estado contra a precariedade laboral na ciencia "non é suficiente". As melloras introducidas até o momento son "necesarias", mais non recollen moitas das reivindicacións que os colectivos afectados piden incorporar ao texto definitivo.