Un investigador da USC recibe un premio da Sociedade Europea de Endocrinoloxía

O investigador da USC Rubén Nogueiras. (Foto: USC)
Este galardón recoñece a traxectoria de persoas científicas de menos de 45 anos que xa teñen aportado investigacións de valor á comunidade médica desta especialidade.

O investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Rubén Nogueiras, ve recoñecido o seu traballo grazas ao European Journal of Endocrinology Award que entrega a Sociedade Europea de Endocrinoloxía.

Nogueiras, que ten o seu posto no Centro de Investigación en Medicamento Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), obtivo o premio polos seus avances pioneiros na descuberta do papel que xoga o “sistema nervioso central na homeostasis enerxética”.

Fontes da USC explicaron que isto se concreta cun impacto na obesidade e as súas complicacións vinculadas ao metabolismo.

Nesa lista de expertos a nivel europeo, pero con proxección tamén internacional, xa estaba outro nome ligado á USC: Miguel López.

O agora premiado científico é doutor en bioloxía pola USC e completou os seus coñecementos con formación en laboratorios de Estados Unidos de América, Alemaña e Suíza.

Hoxe en día é parte en distintos grupos de investigación e asesora en proxectos nacionais e internacionais.

Rubén Nogueiras recollerá o galardón no Congreso Europeo de Endocrinoloxía, fixado para o mes de maio de 2021 en Praga. Esta honra recae sempre no labor de persoas científicas de menos de 45 anos que xa contribuísen á endocrinoloxía.