O presunto asasino de Beatriz Lijó, que "apenas lembra nada", comparecerá esta sexta feira nunha vista de imputación

Saída dos Xulgados do presunto asasino de Beatriz Lijó, o pasado 8 de febreiro. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
Após a súa detención, Ángel R.D. negouse a declarar e nin sequera falou coa súa familia ou avogado.

Ángel R.D., investigado como suposto autor do asasinato da súa ex muller —Beatriz Lijó— en Baiona (comarca de Vigo), volverá esta sexta feira aos Xulgados da cidade olívica para comparecer en virtude do previsto na Lei do Tribunal de Xurado e escoitar as imputacións que pairan sobre el, segundo confirman fontes xurídicas.

Trátase dunha vista sinalada para primeira hora da mañá, na que o investigado ten que estar presente e na que o seu avogado —e o resto das partes— pode pedir dilixencias, tendo en conta que, após máis dunha semana de mutismo, o home finalmente comunicouse coa súa familia e co letrado, Saúl Vidal, co que terá que 'armar' a súa estratexia de defensa.

O propio letrado recoñeceu a Europa Press que apenas ten "marxe" para manobrar, posto que o seu defendido foi moi conciso e "di que apenas lembra nada". O investigado, profesor no IES Pedro Floriani de Redondela, foi detido o pasado 6 de febreiro, cando se entregou na Comisaría da Policía Nacional en Ourense, horas despois de matar supostamente a súa ex parella na casa dela en Baiona.

O home chegou o domingo a última hora á vivenda da vítima cos dous fillos menores de ambos, que presenciarían o crime. Após matar supostamente a Beatriz Lijó, levou os nenos a casa dun familiar e marchou a Ourense, onde se entregou horas despois.

A autopsia practicada á vítima revelou numerosas feridas punzantes e cortes por todo o corpo, así como un gran golpe na cabeza, e a investigación apunta que se usaron cando menos dúas armas, un coitelo de pequenas dimensións —que apareceu xunto ao corpo da muller— e outro obxecto máis contundente, que non foi localizado.

Após a súa detención, Ángel R.D. negouse a declarar e nin sequera falou coa súa familia ou avogado. De feito, a súa primeira comparecencia ante o Xulgado de Vigo acabou cun traslado ao Hospital Álvaro Cunqueiro para unha avaliación psiquiátrica.

Horas despois recibía a alta, con informes médicos que descartaron que se atopase en estado catatónico e que sinalaban que tiña capacidade procesual. Con todo, e de novo no xulgado, volveu negarse a falar, e nin sequera aceptou a oferta de declarar por escrito que lle fixo a xuíza, que acabou ordenando o seu ingreso na prisión da Lama como presunto autor dun homicidio ou asasinato.