Investigado un condutor que arroiou tres persoas no Porriño e deu positivo no test de alcolemia

Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)
O condutor é un veciño de Vigo duns 60 anos de idade.

A Garda Civil investiga como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria un condutor que arroiou tres persoas na parroquia de Chenlo, no Porriño (comarca de Vigo) e que deu positivo no test de alcolemia.

Segundo informaron fontes do Instituto Armado e do 112-Galiza, o accidente tivo lugar sobre as 18.50 horas deste domingo na estrada PO-310, en Canadelo, cando este condutor golpeou co espello retrovisor unha muller que se atopaba próxima a un muro, falando con outras dúas veciñas da zona.

Debido ao impacto, a muller caeu e arrastrou ao chan as súas acompañantes. O 112 recibiu a alerta por parte do 061 e informou do ocorrido á Policía Local do Porriño, a Garda Civil, e os bombeiros.

Fontes coñecedoras do suceso confirmaron que o condutor implicado, sesaxenario e veciño de Vigo, case triplicaba a taxa máxima de alcolemia permitida, cun resultado de 0,99 mg/l. Das tres mulleres afectadas, só unha permanece ingresada en observación, debido a que sufriu un golpe na cabeza.