Unha investigación da USC alerta dos "estereotipos estigmatizadores" nos contidos audiovisuais

Daniel Vázquez Vila, no centro, coas directoras da tese e membros do tribunal, na Facultade de Humanidades. (Foto: USC).

A tese de doutoramento ‘Unha historia de percepcións: Os movementos migratorios a través do audiovisual' desenvolvida por Daniel Manuel Vázquez Vila baixo a dirección de Elena Freire e Ana Cabana, salienta a influencia dos medios de comunicación sobre o imaxinario migratorio logo de analizar os estereotipos de 155 proxectos audiovisuais.

O investigador da área de Antropoloxía Social na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC Daniel Manuel Vázquez Vila salienta na tese de doutoramento 'Unha historia de percepcións: Os movementos migratorios a través do audiovisual', desenvolvida baixo a dirección das profesoras Elena Freire e Ana Cabana, a influencia que exercen os contidos audiovisuais no imaxinario social sobre os procesos migratorios, ao tempo que advirte da “categorización no emprego de estereotipos de carácter estigmatizador das comunidades migrantes”.

Vázquez Vila aborda esta investigación sobre migracións e migrantes desde a óptica multidisciplinar propia das áreas de humanidades e ciencias sociais, un enfoque amplo que lle permite achegarse ás dinámicas dos movementos migratorios desde distintas perspectivas.

A investigación limita as súas pescudas ao período comprendido entre a caída do muro de Berlín e a irrución da Covid-19, a fin de contextualizar os fluxos migratorios actuais e poder así radiografiar a través da documentación dispoñible en numerosas institucións públicas a avaliación e o crecemento da mobilidade transnacional en distintas escalas territoriais.

Unha vez analizadas as cifras rexistradas sobre migracións globais e locais, Vázquez Vila estudou o comportamento de diferentes términos relacionados coa temática migratoria. A análise de vocablos en distintos idiomas nos motores de búsqueda de internet serviu para constatar un interés crecente a medida que aumentan os desprazamentos migratorios.

O estudo da forma de representación de persoas migrantes e das realidades migratorias que aparece nos contidos audiovisuais denota, segundo indica Vázquez Vila, unha categorización no uso de estereotipos de carácter estigmatizador das colectividades migrantes.

Unha vez completadas as análises da mobilidade real, da súa presenza en redes e da representación na ficción audiovisual, o investigador da Facultade de Humanidades da USC orientou as súas pescudas a coñecer como percibían a realidade migratoria os estudantes do concello de Lugo matriculados na ESO.

Este traballo de campo permitiu a Vázquez Vila constatar como os contidos audiovisuais inflúen máis que as experiencias persoais na creación de imaxinarios asociados a procesos migratorios.

Daquela, desde a perspectiva das migracións como fenómeno mediático, a investigación de doutoramento presentada por Daniel Vázquez Vila establece a diferenciación conceptual entre migracións sonadas e migracións silenciosas.

Asemade, o novo doutor advirte da necesidade de desenvolver políticas activas observatorios que contribúan á alfabetización sobre a cultura audiovisual, a fin de neutralizar ou, cando menos compensar, os efectos cognitivos, afectivos e de conduta que provocan no público os contidos e as mensaxes emitidas polos medios de comunicación.

Tribunal e cualificación

O catedrático da Universidade de Almería Francisco Checa, en calidade de presidente; o profesor da UNED, Jorge Moreno, que actou como vogal, e a profesora da USC Pilar Cagiao, como secretaria, conformaron o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Daniel Manuel Vázquez Vila, quen mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.