INNOVACIÓN

Investigación galega para penetrar no tumor cerebral

[Imaxe: CIMUS] Marcos García Fuentes, no centro, con membros do seu equipo

O tratamento actual para o glioblastoma multiforme, o tumor cerebral máis común e letal, baséase na resección do tumor mediante unha cirurxía de extirpación. A taxa media de supervivencia após este tratamento é de 14 meses. Recentemente, o equipo de Marcos García Fuentes, investigador da USC no Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), vén de desenvolver unhas nanopartículas capaces de mudar o panorama actual. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 333 de Sermos Galiza.

O glioblastoma multiforme é un tumor sólido, é dicir, crea unha masa, neste caso, no cerebro. O investigador da USC Marcos García atribúe a ineficacia do tratamento actual, a cirurxía de extirpación, a dous motivos principais. En primeiro lugar, explica, “cando se fai a resección da zona tumoral, é moi difícil distinguir o tecido san do tecido tumoral. Ademais, o tecido circundante ao tumor tamén pode estar a afectar ás funcións cerebrais do paciente, polo que os cirurxiáns deben intentar quitar todo o necesario sen quitar máis”. E en segundo lugar, cita “unha serie de células que son capaces de migrar desde a periferia do tumor até os tecidos do arredor e son capaces de iniciar o tumor. É dicir, unha vez que se quita o tumor, son capaces de volver inicialo aí ao lado ou na mesma zona onde estaba”. “Estas células”, engade Marcos García, “que se denominan células nai tumorais, aínda que algúns prefiren o termo células iniciadoras do tumor, definíronse primeiramente en células de tumores sanguíneos, que son líquidos, como o da leucemia. Máis tarde, descubriuse que tamén existían en certos tumores sólidos, como é o caso do glioblastoma multiforme”.

 

As células iniciadoras do tumor, informa o investigador, non se dividen tanto como o resto de células canceríxenas, polo que os fármacos que se utilizan habitualmente para quimioterapia, deseñados especialmente para atacar células que se dividen moito, non son tan eficaces con estas. Ademais, segundo o Marcos García, “estas células teñen a capacidade de xeraren unha especie de bombas que botan fóra os fármacos se estes conseguen entrar”. “Outro dos seus mecanismos de defensa é que adoitan estar en zonas de difícil acceso, moitas veces dentro dos tumores, polo que son células moi difíciles de controlar e iso provoca que o glioblastoma multiforme sexa tan letal”, agrega.

 

“A dificultade de atopar un tratamento para este tumor radica en que se precisan medicamentos xenéticos, é dicir, que penetren no interior das células. Este tipo de medicamentos utilizan, máis ou menos, as mesmas secuencias do noso material xenético: o ADN e o ARN. O que ocorre é que estas moléculas son moi grandes e o corpo está preparado para destruílas por se fose material xenético infeccioso e para poder aproveitar anacos da cadea para si mesmo. Ademais, estas cadeas son incapaces de atravesar barreiras de lípidos (graxas), o material do que están formadas as membranas exteriores das células, polo que probabelmente tan só unha de cada dez mil ou un millón de moléculas sería capaz de entrar na célula. As poucas que entrarán, van facelo a través dun mecanismo que funciona como se a célula as comese: unhas vesículas dixerirán o material xenético, polo que ao desfacer a cadea molecular, o tratamento xa non é funcional” esclarece García Fuentes.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 333 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]