Rafael Fernández Leiro: "A investigación básica é esencial e ten que gozar de financiamento público"

Rafael Fernández Leiro é biólogo e investigador en estrutura molecular. (Foto: Nós Diario)
Rafael Fernández Leiro (A Coruña, 1982) estudou Bioloxía na Universidade da Coruña. Tras doutorarse, pasou sete anos en Cambridge nun laboratorio especializado en bioloxía estrutural que mudou a súa carreira. Desde 2018 dirixe o seu propio grupo no Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO).

-Como foi emprender o camiño de regreso para empezar a investigar máis perto da casa

Volver a España para facer ciencia cun mínimo de recursos é moi difícil porque non existen oportunidades que faciliten as cousas. En Cambridge atopei unha concentración de recursos excepcional, tanto a nivel público como privado. Alí conflúen industria e coñecemento, moita xente sobresaínte en diversos campos. Foi moi enriquecedor e aprendín moito. Cando decidín regresar tiven a sorte de conseguir un posto no CNIO e arrancar o meu propio grupo con recursos, unha etapa realmente complicada na carreira investigadora.
 
-Que labor desenvolve o Grupo de Integridade Xenómica e Bioloxía Estrutural?

Estudamos diversos procesos  relacionados coa integridade do xenoma desde un punto de vista da bioloxía estrutural e bioquímica, a nivel molecular.  Moito do traballo que facemos é investigación básica, co horizonte posto no cancro e coa esperanza de que moitas das cousas que facemos poidan derivar en novas estratexias terapéuticas. Sentamos as bases da investigación aplicada. É un traballo de anos, silencioso pero fundamental para o desenvolvemento de proxectos tanxíbeis, e hai que darlle a importancia que ten. É unha investigación esencial e debe ser financiada de forma pública para que se leve a cabo.
  
-Proba dos resultados positivos que ofrece a ciencia básica de cara a futuros proxectos aplicados é o achado que veñen de compartir sobre o funcionamento da 'gardiá' do xenoma, a proteína MutS.

Todas as nosas células conteñen información xenética. É o dicionario onde están recollidas todas as palabras que forman as proteínas desas células que permiten que funcionen correctamente. O importante é que esta información non se altere. Se esa información xenética é o libro de instrucións para formar unha célula e empezamos a cambiar o significado das palabras, chega un momento en que esas instrucións non se poden interpretar.

Cada vez que unha célula ten que dividirse para dar lugar a outra dáse un proceso de copia da información xenética que debera ser moi preciso. Mais é tan complexo que está exposto a unha serie de problemas internos e externos -tabaco, exposición a raios ultravioleta- que dá lugar a erros. As células teñen os seus mecanismos para se protexer desta potencial perda de información. E fano, nun primeiro nivel, mediante a utilización de enzimas, de proteínas que se encargan de copiar esa información xenética e que gozan dunha eficiencia moi alta. Denomínanse ADN polimerasas, e ademais de ser moi precisas, teñen, nun segundo nivel, o poder de comprobar se a letra que acaban de pór é a correcta. Teñen esa capacidade, polo tanto, se detectan un erro na escrita, eliminan esa última letra do ADN mal posta e corríxena, garantindo unha copia fidedigna.

-Pero hai erros que sortean estes sistemas de control e quedan no noso xenoma.

Certo. E se isto non se corrixise, teríamos moitos problemas. Acumularíanse erros na copia, coñecidos como mutacións, e ao cabo de varias divisións celulares teriamos tantas que darían lugar a un funcionamento equivocado da célula, que á súa vez podería desembocar en doenzas como o cancro.
A gardiá do xenoma, a proteína MutS, o que fai é revisar o xenoma despois da copia buscando os erros que quedaron atrás. Engánchase no ADN e le todos os puntos. E cando detecta un erro coordina unha serie de procesos para corrixilo. Nós, co noso traballo, o que fixemos foi describir a nivel molecular como esta proteína é capaz de facer a súa función, para o que aplicamos técnicas de bioloxía estrutural.

-Neste caso, técnicas de criomicroscopía electrónica.

É unha técnica moi nova que nos permite tomar imaxes destas proteínas mentres cumpren a súa función. Dános acceso a unha gran cantidade de información de alta resolución que procesamos para coñecer a secuencia de acción desta proteína e tamén para entender as consecuencias de moitas mutacións que se producen a nivel de actividade da proteína. Ademais, sérvenos para empezar a pensar que podemos facer para corrixir os problemas de reparación do ADN, mesmo se hai posibilidades de empregar estas proteínas como diana terapéutica.

Estes resultados son básicos e comúns a distintos tipos de enfermidades, un proceso fundamental das nosas células que coñecemos con máis detalle e do que se poden beneficiar outros proxectos específicos que buscan mellorar as opcións de tratamento, a nivel clínico, e aumentar a calidade de vida dos pacientes

"O cancro non é unha soa enfermidade"

Na actualidade "o cancro é un problema principal de saúde", asevera Rafael Fernández Leiro, e desenvolver tratamentos eficaces contra el "é moi complicado" porque non é unha soa enfermidade, son moitas, moi diferentes. "Por iso é moi importante que poidamos seguir investigando en distintas vías para avanzar en relación con cada tipo de cancro". Neste sentido, Fernández Leiro defende o proveito de centros temáticos como o CNIO, onde se traballa a todos os niveis, tanto no ámbito da investigación fundamental como no campo da investigación clínica.

A colaboración, di. Mais tamén o son a vontade política e o investimento, nun estadio anterior. A Covid-19 puxo de manifesto o valor esencial da ciencia. "Precisamos un sistema de investigación sólido, con xente formada, que traballe con recursos e poida dedicarse ao seu. Non hai discusión. Todo o que facemos é interesante e beneficioso".