A investigación sobre as ambulancias do 061 continuará á espera dun "informe policial esencial"

Así o decidiu a Audiencia Provincial da Coruña. O obxecto da investigación é determinar se houbo prevaricación e información privilexiada na adxudicación dun concurso de ambulancias da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galiza -dependente do Sergas- en 2014 por un monto de 121,6 millóns de euros.

A Audiencia entende que existen razóns de peso para prolongar a instrución do caso ao se agardar por un informe policial que podería vir a ser "esencial" para o esclarecimento do asunto.

 

Toma a decisión o tribunal nun auto -ao que tivo acceso Europa Press- en resposta a un recurso formulado por un técnico responsábel do 061 que prestou declaración como un dos investigados na causa.

 

A investigación pretende determinar se existiu información privilexiada na materialización do concurso, isto é, se as empresas gañadoras -nucleadas arredor da compañía ourensá Rodríguez López e da lusa  Autos Ribeiro- foron as que forneceron á administración galega os pregos de condición da convocatoria.

 

A policía xudicial sospeita que as empresas gañadoras coñecían, por tanto, con antelación os requisitos do concurso e, portanto, puideron axustar as súas ofertas a eses requerimentos, o que lles outorgou unha vantaxe decisiva a respeito dos seus competidores.

 

A causa é produto dunha denuncia formulada en outubro de 2015 -a instancias da propia fiscalía- por José Domingo Rodríguez, un empresario lugués excluído do concurso.