A invasión do eucalipto chega á zona vella de Pontevedra

Imaxe: Adega

Unha plantación simbólica de ducias de árbores desta especiue na Praza da Ferrería denuncia a “eucaliptización” do noso país.

Un acto simbólico – unha plantación na Praza da Ferrería de ducias de eucaliptos- serviu na mañá deste sábado, 3 de xuño, para, por unha banda, abrir boca á manifestación da tarde contra Ence e Elnosa e, por outra, denunciar a eucaliptización de Galiza. Un acto que decorre mes e medio despois de que centos de persoas participasen nunha plantación simbólica semellante na Praza do Obradoiro de Compostela.

 

A acción decorre no marco do día internacional do Medio Ambiente e está organizada por APDR, Adega, a Federación Ecoloxista Galega e Cousa de Raices. Desde estas entidades tense alegado reiteradamente que o monocultivo do eucalipto, alén das súas secuelas meio-ambientais (perda de biodiversidade, maior risco de incendios, erosión dos montes), causa tamén unha "perda patrimonial" en espazos protexidos como castros, minas romanas ou xacementos arqueolóxicos.

 

A Rede Cousas de Raíces demandou á Xunta que impida a "forestación de terras agrarias" e que emule o goberno portugués decretando unha moratoria para novas plantacións de eucaliptos, alén de reclamar que se prohíba a especie Eucaliptus Nitens, a máis numerosa na Galiza e tamén a máis daniña.

 

Desde Adega e outros colectivos teñen denunciado que o eucalipto vai camiño de ocupar o medio millón de hectáreas na Galiza. Cobre case o 17% de todo o territorio galego. En Portugal, onde cobre o 9%, o goberno decretou unha moratoria nas plantacións desta especie até 2030.