A invasión do eucalipto chegou ao Obradoiro

Un aspecto da Praza tomada polos eucaliptos

Están por toda a parte. Tamén na Praza do Obradoiro. Unha planta invasiva foránea toma o país.

Un acto simbólico -a plantación na Praza do Obradoiro dun feixe de eucaliptos- no que tomaron parte centos de persoas denunciou este sábado a eucaliptización do país. Só un dado abonda para ilustrarmos a dimensión deste fenómeno: esta especie invasora ocupa xa 17 por cento do territorio do país.

"Parece que para a industria do eucalipto non existen limitacións: todo vale con tal de seguir engordando a conta de beneficios da celulosa", dixo Anxo Moure ao dar leitura ao manifesto co que se fechou un acto convocado pola Rede Cousas de Raíces, en que se integran diversas organizacións, en colaboración coa Asemblea contra a Eucaliptización  da área de Santiago.

O manifesto apunta a responsabilidade da Xunta -fala da súa "colaboración cúmplice"- perante a "impunidade" coa que esta especie invasora "ocupa espazos de alto valor natural e patrimonial".

En declaracións aos meios recollidas por Europa Press, o secretario de Adega, Fins Eirexas, alegou que o monocultivo do eucalipto, alén das súas secuelas meio-ambientais (perda de biodiversidade, maior risco de incendios, erosión dos montes), causa tamén unha "perda patrimonial" en espazos protexidos como castros celtas, minas romanas ou xacementos arqueolóxicos.

A Rede Cousas de Raíces demanda á Xunta que impida a "forestación de terras agrarias" e que emule o goberno portugués decretando unha moratoria para novas plantacións de eucaliptos, alén de reclamar que se prohíba a especie Eucaliptus Nitens, a máis numerosa na Galiza e tamén a máis daniña.

O Goberno galego debería tamén pór freo aos cultivos enerxéticos a partir da biomasa e que se estabeleza un imposto verde que grave a plantación desta árbore, entende a Rede.