A invasión da velutina ameaza os insectos polinizadores e a reprodución das plantas

A investigadora Sandra Rojas nun campo de mentraste (Duvi-UVigo).
A vespa velutina converteuse nunha das especies exóticas invasoras máis daniñas para a biodiversidade e a economía galegas. Un estudo pioneiro, realizado por investigadoras da Universidade de Vigo, confirma que a avespa asiática afecta aos insectos polinizadores e tamén á polinización das plantas.

Por primeira vez, unha investigación constata o impacto negativo da vespa velutina na polinización. Afecta ao comportamento dos insectos polinizadores e á reprodución das plantas. O estudo, asinado polas investigadoras Sandra Rojas e María Calviño, do departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, centrouse na observación dos insectos en contornas concretas das áreas invadidas e acaba de ser publicado na revista científica Biological Invasions baixo o título "The invasive hornet Vespa velutina affects pollination of a wild plant through changes in abundance and behaviour of floral visitors".

As abellas do mel cambian o seu comportamento e as súas preferencias alimenticias.

"Estudamos a polinización da planta Mentha suaveolens, unha herba medicinal, fragrante, moi común no sur e no oeste de Europa", explica Sandra Rojas a Nós Diario. "Dá alimento a moitos insectos, que a visitan para tomar néctar ou recoller pole, sobre todo cando no ambiente hai poucas flores doutras plantas, xa avanzado o verán", engade.

Nese contexto, na zona das Rías Baixas, Rojas e Calviño estudaron o comportamento da vespa velutina mais dos visitantes florais do mentraste, tamén coñecido como menta do burro. "O que fai a velutina é patrullar a planta e atrapar os insectos. Cázaos ao voo ou mentres están pousados na flor recollendo pole. Atrápaos, sácalles as ás e as patas, e leva o resto do insecto, principalmente o tórax, ao niño, para alimentar as larvas", describe Sandra Rojas.

Fronte á velutina, os abellóns perden eficiencia como polinizadores.

O que sucede, detalla a investigadora, é que os insectos teñen os seus mecanismos para evitar a depredación e defender a súa vida. "É unha das forzas ecolóxicas importantes para calquera animal". Así, insectos sociais como as abellas do mel, os abellóns ou outras avespas, que poden comunicarse entre si, a través duns sistemas de comunicación moi complexos, o que fan é dar aviso.

"Nas colonias, as abellas informan as irmás de cales son os bos recursos e cales os perigosos, onde encontrar uns e outros. Polo tanto, as abellas do mel non só recoñecen a velutina como unha depredadora fronte ás súas colmeas, tamén nos seus recursos", observa Rojas. E o que fan é visitar menos esa planta. "Recoñécena perigosa e cambian o seu comportamento ademais das súas preferencias alimenticias".

A paisaxe, en risco

Tamén observaron cambios noutros grupos de insectos. "Os abellóns teñen unha resposta similar. O que fan é visitar estas flores moito máis rápido, e iso afecta o seu labor como polinizadores. Canto máis tempo dedican a extraer recursos máis enchen o corpo de pole e máis depositan nas estruturas reprodutivas das flores". Ao iren máis rápido, perden eficiencia como polinizadores.

Así, confirman as investigadoras, desde o punto de vista da biodiversidade a velutina causa un impacto directo por depredación, "porque están sacando do ambiente unha diversidade de insectos", e un impacto indirecto a nivel ecolóxico. "Está cambiando a reprodución das plantas. Ao afectar a polinización compromete a reprodución, as novas xeracións e, á súa vez, toda a paisaxe ecolóxica". 

Control da especie

Ademais de avaliar o impacto da velutina nos insectos polinizadores, o grupo de investigación da Universidade de Vigo no que participan Sandra Rojas e María Calviño desenvolven outras vías de estudo simultáneas dedicadas ao control da especie na Galiza e á mellora das trampas coas que se lles vén dando caza nos últimos anos.

"Estamos ante unha especie que ten unha alta taxa reprodutiva, que conta cunha gran capacidade de expansión e que se adapta moi facilmente a diferentes ambientes. Precisamos trampas máis eficaces e selectivas, porque as que se usan capturan insectos que a velutina normalmente non come", o que implica un impacto indirecto desta invasora a través do ser humano.

A protección das abellarizas e o control biolóxico son dúas das liñas de investigación nas que traballan. Neste sentido, defenden a caza de raíñas no seu ambiente como medida máis efectiva para reducir poboación, sen esquecer as arpas eléctricas nin o uso de feromonas, aínda en investigación.

Unha invasora con moito éxito

Hai máis dunha década, a velutina chegou accidentalmente a Europa, procedente do sueste asiático. A súa expansión foi rápida e efectiva. Tamén na Galiza, un dos territorios máis castigados por esta especie exótica invasora, que ademais dun efecto ecolóxico ten consecuencias negativas sobre a economía e a saúde das persoas.

"Tratamos de combatela con todos os medios dispoñíbeis e foi moi complicado frear o proceso de invasión. Quero pensar que poderemos reducir a súa poboación ou, polo menos, o seu impacto. Pero é moi difícil exterminar por completo unha especie exótica invasora que ten tanto éxito, salvo que a propia natureza nos axude", sinala Sandra Rojas, integrante do proxecto europeo Atlantic-Positive, para o estudo e control da vespa velutina.