Inundacións en Ponteareas e no Porriño polas chuvias

Un home observa a súa vivenda inundada, en Ponteareas onte. (Foto: Javier Vázquez / Europa Press)
O aumento do Tea e do Louro fai que desborden

As chuvias de provocaron hoxe que o río Tea desbordara no seu paso polo concello de Ponteareas, cunha situación "especialmente complicada" na parroquia de Moreira, onde as inundacións afectaron casas da veciñanza que necesitou ser evacuada polos bombeiros.

Segundo informaron fontes de Protección Civil e da Policía Local, o río desbordou en numerosos puntos do municipio, aínda que "os máis preocupantes" son as parroquias da Freixa e Moreira, onde habitúan producirse aumentos do caudal do río cando se rexistran chuvias persistentes.

O corpo de bombeiros de Ponteareas desprazouse hoxe até Moreira, ao inundarse garaxes e baixos, o que impediu que algúns veciños e veciñas puidesen saír dos seus domicilios. Así, quedaron anegados o campo de fútbol e a ponte romana.

Ademais, os bombeiros tiveron que cortar o paso na zona da Freixa tamén polo aumento do río, que provocou a desaparición da praia fluvial da Moscadeira. Protección Civil indicou que "por agora" o río non está baixando pero que cómpre "esperar a ver como evoluciona o tempo".

Pola súa parte, a alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, confirmou hoxe que dous veciños foron evacuados en Moreira tras quedar atrapados nas partes superiores das edificacións polas inundacións dos baixos do domicilio. Ademais, tamén sinalou o corte de dous viarios ao tráfico -os que unen a parroquia de Moreira coa de Nogueira así como o paso á parroquia da Freixa- xa que continúan anegados pola auga. Porén, a alcaldesa asegurou que "as perspectivas son boas".

Desbordamento do Louro

As precipitacións de hoxe tamén provocaron o desbordamento do río Louro, no concello do Porriño, onde se tivo que cortar unha estrada, na zona que une Atios con Torneiros e Pontellas. Ademais, o paseo fluvial encóntrase anegado e o paseo do Louro desaparecido. O alcalde do Porriño, Alejandro Lourenzo, confirmou que as inundacións tamén afectaron varias industrias do polígono.

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), as chuvias continuarán sendo abundantes no país ao longo do día de hoxe, e actívase o aviso laranxa por fenómenos costeiros con ondas de até seis metros na costa galega.