Alerta máxima en Neda polas riadas: "Hai xente que perdeu absolutamente todo"

Inundacións nunha vivenda de Neda polo desbordamento do río Besteiro. (Foto: Europa Press)
A veciñanza teme que a pleamar desta tarde provoque un novo desbordamento dos ríos Besteiro e Belelle.

Os veciños e veciñas do lugar de Santa María, en Neda (Ferrolterra), seguen moi pendentes do que poida acontecer a partir da pleamar das 16.30 horas desta terza feira ante o temor de que os ríos Besteiro e Belelle poidan volver desbordar após as inundacións xa rexistradas nas últimas horas. Varias vivendas, de feito, quedaron completamente anegada.

"Estamos aquí botándolle un ollo á marea, estamos moi pendentes, xa que ás 16.30 horas volvemos ter pleamar", asegura Jorge López, veciño da zona, para manifestar que aínda non lles trouxeron area para conter o desbordamento.

Díxoo en alusión á posibilidade de colocar big bag (sacos xigantes con area), algo ao que se comprometeron desde o propio Concello, no punto que ocupaba un muro que se veu abaixo pola forza da auga. O consistorio tamén vai colocar colectores para facilitar a retirada do mobiliario danado, após unha petición dos veciños ao rexedor, Ángel Albariño.

Vivendas sen seguro

Segundo detallou López, nesta riada víronse afectadas até once vivendas e "hai xente que está sen seguro, que o perderon absolutamente todo". Tamén engadiu que a quen contan con póliza vixente mandáronos "para o Consorcio", estimando que este será un problema a maiores. "Estes adoitan tentar despacharte con catro perras e aquí a maioría perdémolo todo, toda unha vida de traballo", apuntou.