A tormenta en Compostela deixa un colexio electoral a escuras, inundacións e un sinistro na AP-9

Varios puntos da cidade sufriron anegamentos

A tormenta rexistrada na tarde deste domingo en Santiago de Compostela deixou numerosas incidencias por toda a cidade e arredores.

Entre elas, un accidente na AP-9 ao seu paso por Conxo, en dirección A Coruña. Un vehículo saíuse da vía e bateu contra a varanda ao facer 'aquaplanning'. Este sinistro, que se saldou sen feridos, ocorreu sobre ás 18 horas.

Ademais, as inundacións contáronse por decenas na zona de San Caetano, así como na zona do Multiusos Fontes do Sar, onde as proximidades das piscinas permanecen completamente asolagadas.

A tormenta tamén deixou ás escuras durante máis dunha hora un colexio electoral na capital galega, onde os electores do centro Lamas de Abade tiveron que exercer o seu dereito a voto practicamente ás escuras.

O apagamento produciuse pasadas as 17 horas no compostelán barrio do Castiñeiriño, aínda que segundo as fontes consultadas por Europa Press, as fortes choivas tamén provocaron outro tipo de incidencias relacionadas con pequenas inundacións, pero sen maiores consecuencias.