Intrusos non desexados

O peixe porco, unha das especies exóticas máis comúns nas costas galegas (Foto: Jean Beaufort).
O cambio climático está a causar unha longa listaxe de consecuencias negativas para o planeta e as persoas. Un dos fenómenos que provoca é a migración de especies mariñas. Nos últimos anos están a chegar á costa galega unha serie de especies exóticas que causa un grande impacto medioambiental nos ecosistemas autóctonos.

A combustión de carbón e petróleo, a contaminación debida aos medios de transporte, a deforestación descontrolada, a gandaría masiva e os gases de efecto invernadoiro resultantes das accións humanas conforman as principais causas do cambio climático. Entendemos o cambio climático como a “maior ameaza medioambiental á que se enfronta a humanidade”, segundo apunta Greenpeace. As súas consecuencias serán devastadoras de non reducirse urxentemente a dependencia das sociedades modernas dos combustíbeis fósiles. Secas, tormentas, furacáns, incendios e outros desastres naturais, danos nas colleitas e empeoramento da saúde das persoas son só algúns dos resultados do cambio climático que xa estamos a experimentar.

A maior ameaza do cambio climático está nos océanos

Estas circunstancias prodúcense, principalmente, pola suba da temperatura mundial que, desde a época preindustrial, xa aumentou máis dun grao e prevese que o incremento sexa de catro graos e medio para final do século, segundo estudos da comunidade científica. O aumento da temperatura está a provocar, entre outras moitas cuestións, a suba do nivel do mar que, en só 15 anos, xa ascendeu 5 mm. Numerosos estudos afirman que a maior ameaza do cambio climático está nos océanos, cuxo quecemento, como a batida de ás dunha bolboreta que desencadea un furacán, orixinaría unha serie de desgrazas naturais que caerían unha detrás doutra como fichas de dominó: inundacións, tormentas destrutivas, alagamento de territorio a causa da disolución do xeo dos polos e glaciares etc.

O coautor dunha análise publicada en 2019 na revista Science e investigador da Universidade de California, Zeke Hausfather, afirma que “o quentamento oceánico é un indicador chave no cambio climático e, agora, temos probas sólidas de que está pasando a unha maior velocidade do que pensabamos”, despois de mostrar no seu traballo que dito quentamento está sucedendo un 40% máis rápido do previsto. Segundo a Axencia Europea do Medio Ambiente, o incremento da temperatura acelera o metabolismo dos organismos e en consecuencia aumenta o seu consumo de osíxeno, o que está a reducir as concentracións nas augas deste compoñente vital. O osíxeno tamén mingua pola proliferación de algas como consecuencia do enriquecemento provocado polos nutrientes achegados polos fertilizantes arrastrados até o mar. Este é un dos factores que provocan a migración masiva de animais mariños, que se desprazan a outros lugares dos que non son orixinarios. 

Este fenómeno migratorio non natural de certas especies acuáticas leva xa moito tempo desenvolvéndose en todo o planeta. Con todo, nos últimos anos, foi no norte da Península Ibérica, no Mar Cantábrico, onde máis migración de especies acuáticas se está a experimentar, así como no resto da costa galega. O fenómeno consiste na chegada de especies foráneas ao litoral da Galiza, moitas delas exóticas, que abandonan o seu hábitat natural en busca doutro que se adecúe ás súas novas necesidades. Segundo a análise “Introdución ao estudo das especies exóticas mariñas na Galiza”, elaborado por Rafael Bañón, biólogo vigués encargado do Servizo de Planificación da Unidade Técnica de Pesca de Baixura, publicado na Revista Galega dos Recursos Mariños, na Galiza hai máis de 520 especies exóticas das que existe un gran descoñecemento, da mesma forma que tampouco se coñecen as alteracións que poden provocar nos ecosistemas nos que se instalan. Nesta investigación, Bañón conclúe que a colonización de novos hábitats por estas especies “é un proceso continuo e global” cuxa propagación está favorecida polo “cambio climático inducido polo ser humano”.

Tamén indica que a Galiza presenta moitos dos requisitos necesarios para ser considerada un “punto quente” no que á introdución das especies exóticas mariñas se refire cuxos principais lugares de interese son as costas de Vigo, A Coruña, Marín, Ferrol e Vilagarcía. Este fenómeno nas costas galegas vén dado, ademais de polos cambios abióticos (mudanza da temperatura e calidade das augas) derivados do cambio climático, por outros dous motivos: o transporte accidental de especies alóctonas durante o tráfico marítimo  internacional, moi relevante no caso galego, e a introdución de especies doutras áreas para o cultivo no sector acuícola, como a ameixa xapónica, a ostra xapónica ou a alga wakame.

Especies exóticas

Se ben nas costas galegas xa se catalogaron un gran número de especies exóticas nos últimos anos, algunhas delas representan un perigo potencial pola súa crecente presenza. Entre estas encontramos dúas variedades de algas, a Sargassum muticum, unha variedade parda de 10 metros de lonxitude, e a Undaria pinnatífida, de fronde correosa e branda, o popular wakame da gastronomía xaponesa. Ambas teñen un grande impacto sobre as especies autóctonas do ecosistema ao competiren coas especies nativas orixinado unha perda na biodiversidade.

O impacto ambiental destas especies está aínda por determinar

Tamén se rexistrou nas rías galegas a presenza de novos bivalvos, a Limnoperna securis, un mexillón lixeiramente arqueado e a Crepidula fornicata, semellante á lapa, que pode crear colonias moi densas que están a reducir o espazo dos bivalvos comerciais. Outros moluscos invasores son o Bolinus brandaris, unha variedade de caramuxo picudo,  e o Rapana venosa, un caramuxo de cuncha grande e redondeada, ambos prexudiciais para os bivalvos galegos ao seren predadores destes. No referente aos peixes, atopamos a Seriola rivoliana e o Kyphosus saltatrix, especies alongadas e non de gran tamaño, e o peixe porco, de morfoloxía semellante ao sanmartiño. O impacto ambiental destas especies está aínda por determinar.

Esta listaxe continúa a actualizarse cada ano coa fin de acadar unha maior documentación a respecto deste fenómeno para, desta maneira, buscar unha solución que permita a preservación das especies autóctonas galegas.

As consecuencias negativas da presenza de variedades alóctonas para o ecosistema mariño do país son evidentes, non só pola depredación que exercen sobre as autóctonas, senón tamén polas alteracións que provocan no propio ecosistema. Tamén hai consecuencias económicas: calcúlase que o custo polas especies invasoras a nivel mundial se eleva a 1,4 billóns de dólares.