Internistas do CHUS denuncian “caos absoluto” no servizo e “precarización” das condicións laborais

Protesta de médicos e médicas internistas, esta segunda feira, ante o Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Europa Press)

O Hospital do Barbanza ten “a metade” dos internistas que “terían que ser”.

Persoal de medicina interna do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS) concentrouse esta segunda feira ante o Hospital Clínico para denunciar un “empeoramento do servizo” e a “precarización” das súas condicións laborais.

Así o confirmou o presidente da Xunta de Persoal, Xosé Manuel Marcote, para quen o servizo vive “inmerso nun caos absoluto” derivado dunha “carga asistencial extrema”, que obriga a “profesionais doutros servizos a asumir gardas”, así como o reforzo no Hospital do Barbanza, en Ribeira.

Marcote advertiu que se está “sometendo Medicina Interna a unha presión asistencial sen límites”, onde o que prima “non é a calidade, nin se valora a especialización nin o esforzo dos seus e das súas profesionais”. De feito, responsabilizou a Xerencia da área sanitaria, á que acusou de “incumprir os principios xerais dunha Administración pública de servizo efectivo á poboación, obxectividade e transparencia, planificación e responsabilidade na xestión”.

O presidente da Xunta de Persoal acusou a Xerencia de “ignorar” os traballadores e as traballadoras e de non convocalas para cuestións como coñecer o cadro de persoal ou o plan funcional deste servizo.

“Esta Xerencia está deteriorando a asistencia sanitaria, empeorando as condicións de traballo e recortando os cadros de persoal dos servizos ás costas de diminuír á calidade do traballo realizado”, apuntou Marcote.

Falta de persoal

Xosé Manuel Marcote afirmou que, no caso da Barbanza, os internistas “son a metade dos que terían que ser”, e no caso do Clínico de Santiago, descoñecen o alcance real da falta de persoal, porque “o cadro de persoal só reflicte os profesionais orzamentados”, aínda que calculan que debería haber 20% máis dos que hai.