Interior veta o acceso de parlamentares galegas na Lama e Teixeiro

[Cárcere de A Lama]

Institucións Penitenciarias nega a entrada de dúas deputadas do PSOE argüíndo que é competencia estatal. Desde Esculca demandan a creación dunha comisión parlamentar que estude as condicións das persoas presas nas cárceres galegas. 

 

A solicitude presentada polas deputadas Carmen Acuña e Patricia Vilán (PSdeG) para accederen ás cadeas galegas (A Lama - Teixeiro) e coñecer de primeira man as condicións da poboación reclusa foi freada desde Madrid argüíndo que "a actividade penitenciaria" depende das institucións españolas polo que se reservaría o control da mesma a representates do Congreso e do Senado. 

A resposta recibida desde Interior causou "sorpresa" e "preocupación" en ambas as dúas deputadas mais tamén en Esculca, colectivo que traballa desde hai anos na defensa dos dereitos civís e políticos, nomeadamente das persoas privadas de liberdade. 

Torturas

En declaracións a Sermos Galiza desde Esculca explican que, após rexeitar a visita solicitada por Acuña e Vilán, están a promover no seo do Parlamento galego a creación dun grupo de traballo que visite as cadeas e "coñeza de primeira man" as condicións que atinxen as persoas reclusas. Neste senso, desde Esculca lembran que "nos últimos meses" dous presos galegos "desenvolveron senllas greves de fame" para denunciar as "torturas" que padecen no interior da prisión mais tamén, subliñan, "continúa aberta a investigación para esclarecer a morte dun preso de A Lama que faleceu en estrañas circunstancias". 

O colectivo de defensa dos dereitos civís e políticos lembra as numerosas denuncias presentadas nos xulgados de Betanzos en relación á "violación de dereitos humanos" mais tamén das "penosas condicións estruturais" (alimentación, sistemas de quecemento) nas que se atopan as instalacións das prisións. Denuncias, sinalan, "que rematan sempre sendo arquivadas". 

Demandan a transferencia a Galiza das competencias en materia de sanidade nas prisións, un feito que aconteceu xa en Euskadi

Neste senso, Esculca salienta "a importancia" de que se constitúa no Parlamento de Galiza un grupo de traballo destinado, non só a "estudar" as condicións nas que se atopan recluídas as persoas privadas de liberdade, senón que demande "a transferencia a Galiza das competencias en materia de sanidade relativas ás cadeas". De acordo coa lexislación española estas poden ser reclamadas polos territorios para asumiren a súa xestión, como xa aconteceu en Euskadi, "onde melloraron substancialmente as condicións das persoas presas", afirman desde Esculca. 

Desde o grupo parlamentar do PSOE rexistraron xa nas Comisións 1ª [Institucional] e 5ª [Sanidade] unha solicitude para que "se posibiliten visitas a cada un dos centros penitenciarios" de Galiza co obxecto, din, de "verificar" as condicións actuais d@s pres@s e "dar resposta ás diversas preocupacións e queixas" trasladadas desde Esculca. 

Desde o colectivo de defensa dos dereitos civís e políticos, Esculca, lembran que o Estado español foi reprendido en numerosas ocasións por "organismos e institucións internacionais" por vulnerar os dereitos humanos. Aliás, "foi criticado duramente por instancias europeas e das Nacións Unidas polo réxime de incomunicación" demandándolle "a súa supresión". Porén, sinalan, "o Estado español sempre fai ouvidos xordos".