Interior tipifica os presos independentistas galegos como membros do Exército Guerilheiro, extinto hai 25 anos

Captura do Anuario do Ministerio do Interior

O Ministerio do Interior español afirma no seu Anuario estatístico 2015 que nas prisións do Reino de España hai nove persoas internas cumprindo penas por 'terrorismo' que o departamento dirixido por Fernández Díaz integra no Exército Guerrilheiro do Povo Galego Ceive (EGPGC), ao que no documento se refire como 'Ejército guerrillero del pueblo gallego libre'. Porén, esta organización armada leva extinta desde 1991, hai 25 anos. As 9 persoas presas ou non naceran ou eran crianzas nos anos en que esta organización estaba activa

Ningunha desas persoas foi, ademais, acusada, xulgada ou condenada por pertenza, integración ou colaboración co EGPGC. Os independentistas galegos presos nas cadeas españolas estano acusados dunha serie de feitos que non teñen a ver nin relación co Exército Guerrilheiro.

No Anuario do Ministerio recóllese que en 2015 había 457 persoas internas en prisións españolas por “delitos de terrorismo”. A gran maioría, 326, en relación a ETA; 21 ao Grapo, 93 co “terrorismo islamista” e 8 baixo o epígrafe “outras bandas armadas”. Unha listaxe á que engadir a dos independentistas galegos que Interior integra no EGPGC.