No interior... tamén hai praia!

[Imaxe: Tripadvisor] Pozas de Mougás
Non é necesario o mar para nos mergullar. Nas comarcas do interior do país existen espazos de singular beleza que nos permiten gozar do sol e da auga como se estivésemos na costa. Son as praias fluviais e as pozas formadas pola erosión dos ríos. Na Galiza, dos milleiros de ríos descubrimos opcións para facermos excursións ás praias… sen costa!

Dise que Galiza é a terra dos mil ríos, mesmo dos dez mil ríos ou dos cen mil. Depende do trazado e da habilidade do cartógrafo ou cartógrafa á hora de debuxar os mapas topográficos a gran escala. De convertermos Galiza nun corpo, os regueiros e ríos cos que conta cada aldea, vila e lugar son as veas e as arterias polas que flúe a auga que fai país, un país con milleiros de recunchos acaídos para gozar do verán.

Comezamos o percorrido pola primeira praia fluvial co distintivo de bandeira azul. É A Calzada, en Pontecaldelas, e está bañada polo río Verdugo –Verduxo, nas súas orixes–. Formada por unha presa de pedra que converte o río nunha piscina, atópase rodeada de bidueiros, castiñeiros e carballos. Conta cun espazo de menor dimensión para as crianzas, que poden gozar dunha ampla área de xogos á sombra. A escasa distancia localízanse as pozas de Regodobargo (Pontecaldelas) e as de Aranza (Soutomaior), bañadas polo río Oitavén, que forma un canón polo que se suceden piscinas naturais e pequenos saltos. Amais de gozar dun bo baño, a visita a estas pozas pode incluír unha andaina á beira do río ao seu paso por Aranza a través dun carreiro que vai dar a un muíño e a unha fermosa fervenza.

Outras pozas recomendábeis son as de Mougás (Oia), Castro-Meda de Zas, unha paisaxe que combina regueiros e un espectacular salto. A escasos 500 metros dun dos lugares de referencia do verán no Baixo Miño existe unha zona de petróglifos desde a que contemplar os solpores estivais. Se escribimos sobre pozas non podemos esquecer as de Melón, formadas ao paso do río Cerves após atravesar fascinantes rápidos e cascadas. Amais de seren propicias para darnos un baño, as piscinas naturais convídannos a camiñar a través dun sendeiro até a fervenza do Tourón, unha das máis fermosas da Galiza.

Tamén son recomendábeis as Pozas do Pedras (A Pobra), situadas no corazón da Serra do Barbanza. A erosión da auga deu lugar a formas suaves e redondeadas que fan axeitado o baño para as crianzas. As primeiras piscinas naturais atópanse a uns 600 metros do punto de partida, aínda que as máis interesantes espérannos máis ao lonxe. Volvéndomos ás praias fluviais, pode ser unha boa opción a de Maceira (Covelo), onde destaca a integración do espazo de baño na natureza. Amais de zona de descanso e parque infantil, a praia fluvial bañada polo Tea dispón de pequenas piscinas rústicas acondicionadas para os nenos e nenas. Non moi lonxe localízase a praia fluvial da Freixa (Ponteareas), tamén bañada polo Tea. Xurdiu a raíz dunha pequena presa que se habilitou coa construción dunha central hidroeléctrica a inicios do s. XX.

Cara ao norte do país recomendamos a praia fluvial do Corgo, que consta dunha extensión de 10.000 metros cadrados nun tramo duns 400 metros ao longo do río Chamoso. A carballeira de Santa Isabel (Outeiro de Rei), frecuentada por Manuel María e na que escribiu parte da súa obra, é outro dos espazos ideais para o descanso e o goce das persoas bañistas. Fechamos esta listaxe coa praia fluvial do Lérez, un areal semiurbano de area branca e auga tranquila que se atopa á marxe esquerda do río, a uns 3 km. da súa desembocadura. Quen dixo que non hai praias no interior? Á auga, patos!

De paseo polos muíños da Barosa

O Espazo Natural Río Barosa, no Concello de Barro, é un dos espazos que non podemos eludir cando nos referimos aos ríos. Consta dun sendeiro circular de 4 km á beira do Barosa que ofrece unhas magníficas estampas dos 12 muíños de auga localizados en cascada. Amais dos muíños –algúns deles rehabilitados- é salientábel a vexetación de ribeira da parte baixa do paseo, na que podemos gozar dunha insua acondicionada como zona recreativa.

Como anécdota, lembramos que neste lugar, en 1809 e no marco da Guerra da Independencia, tivo lugar un enfrontamento entre o batallón de Benito Godoy Araujo e unha carruaxe do mariscal Soult. Dise que a valentía do pobo galego neste asalto provocou a frase do duque de Wellington: “Españois, dedicádevos a imitar os inimitábeis galegos, distinguidos sexan até a fin dos séculos por chegar a súa audacia até onde nunca ninguén chegou”.

 

[Esta reportaxe foi publicada no número 207 do semanario en papel Sermos Galiza]