Interior rectifica e di que ‘’actualizará’’ os consellos para evitar violacións

O Ministerio deféndese da vaga de críticas afirmando que levaban unha década na páxina web. Reitéranse as acusacións por culpabilizar á muller neses consellos.

Non facer auto-stop, ter pechadas as cortinas de casa, ir cun asubío, non entrar nun ascensor con estraños... eses son algúns dos consellos recollidos na web do Ministerio de Interior español para evitar violacións. A forte vaga de protestas e queixas leva o departamento de Fernández Díaz a anunciar que vai rectificar e que “actualizará” os consellos. Uns consellos que foron elaborados hai 10 anos por axentes da Policía e a Garda Civil.

De feito, desde os actuais responsábeis do Ministerio insisten en que estes consellos levaban dez anos pendurados na web, “desde a época do ministro Rubalcaba”.

Mais o debate (e as protestas) non son sobre que partido pendurou eses consellos senón máis ben sobre como os mesmos ‘culpabilizan’ e ‘responsabilizan’ á muller.