O interior galego denuncia a súa discriminación nas contas da Xunta

Interior Galego Vivo alerta de que os Orzamentos da Xunta para o rural significan afondar na discriminación e na falta de investimentos. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Piden reorientar os plans Next Generation para a Ribeira Sacra para que non traian xentrificación.

O proxecto de Orzamentos da Xunta para 2022 adoece, no que ten a ver co interior do país, de "continuísmo" e "falta de transparencia", segundo denuncia Interior Galego Vivo (IGV). Paula Verao, integrante da coordinadora desta entidade, afirma a Nós Diario que as contas do Executivo de Alberto Núñez Feixoo implican "afondar na discriminación e na falta de investimentos” no interior. Ademais, IGV pon de manifesto que as liñas de axuda para a reserva da biosfera na Ribeira Sacra, procedentes dos fondos Next Generation e previstas nos orzamentos, beneficiarán axentes externos e favorecerán a xentrificación.

Os orzamentos da Xunta contan con escasos fondos para o interior e non hai proxectos de calado -tampouco para a Ribeira Sacra ou as reservas de biosfera- nin existen liñas transformadoras nin tractoras de cara á integración das axudas europeas para saír dunha estrutura económica cada vez máis dependente e pauperizada, explica o IGV nun comunicado. E todo, a pesar de que o Executivo galego leva meses anunciando que entre os plans que ten para a captación de fondos europeos Next Generation figuran liñas de actuación sobre a Ribeira Sacara para impulsar a recuperación de espazos de alto interese patrimonial. Trátase dunha medida, di a Xunta, que aspira a captar 40 millóns de investimento.

Porén, como advirte Paula Verao a Xunta segue sen ir alén do anuncio e descoñécese o contido dos proxectos Next Generation. Nin o Parlamento ten a información, recalca Verao, que tamén reprende o Executivo de Feixoo pola "falta de transparencia" no desglose territorializado dos recursos nos orzamentos de 2022. 

O porto fantasma de Porto Seco, en Monforte

Os orzamentos carecen de política industrial, valora o IGV, e centran "os exiguos investimentos no turismo". Non hai plan tampouco para o Porto Seco de Monforte, lamenta Verao, inaugurado hai xa sete anos e con cero empresas captadas, e cuxo acceso á rede principal de estradas aínda non está rematado, a pesar de que a Xunta leva catro anos orzando uns 750.000 euros para rematar a conexión (800 metros de estrada). Esa cantidade nunca se gasta. De novo, no capítulo de infraestruturas a Xunta repite para 2022 a partida de 750.000 euros  para os accesos do Porto Seco coa N-120. En IGV sospeitan que un ano máis ficarán se executar.  "Falta unha visión estratéxica de desenvolvemento industrial e que teña o ferrocarril como vía estratéxica de transporte de mercadorías e de persoas", considera Verao. 

Macrorresidencias

A aposta polas “macrorresidencias” de maiores, a falta de investimentos en materia sanitaria e a falta de partidas por concellos como Laza, Xinzo, Manzaneda, Chandexa, Chantada, Samos, Quiroga, Trives, Sober, Vilalba, Monterroso, Navia de Suarna, O Saviñao... son outras das denuncias que formula a entidade.

En canto á atención á dependencia e persoas maiores, Verao demanda un cambio de modelo. Os fondos "teñen que estar orientados a estas persoas, pois ademais de mellorar na atención crearíase emprego digno, sobre todo para as mulleres, e combateríase o despoboamento". Nese sentido, reclama partidas nos orzamentos da Xunta para residencias de media estancia que alberguen persoas que após un ingreso hospitalario pasen un tempo en situación de dependencia; xa que a "falta deses recursos precipita o ingreso en residencias". Aliás, en canto a servizos sociais, o IGV considera que o cofinanciamento para o Servizo de Atención ao Fogar e para escolas infantís "é cativo e obriga a concellos que perden poboación e recursos a achegaren cada vez proporcionalmente maiores recursos".

O PP veta unha iniciativa a prol dos IES do rural

O PP defendeu onte na Cámara galega que na Galiza hai "os profesores que se necesitan" fronte ás denuncias de BNG e PSdeG sobre "recortes" nos centros públicos con críticas, en concreto, aos problemas xurdidos no inicio do curso en institutos galegos, sobre todo do rural, polos criterios impostos para cursar determinadas materias se non se chegaba ao mínimo de alumnado estabelecido. O PP rexeitou así a proposta do BNG que instaba a Xunta a autorizar poder cursar materias troncais, como latín e grego, nos IES rurais con independencia do número de alumnado matriculado e do profesorado do centro.