Os intereses que agocha a agonía do Centro Galego de Bos Aires

[Imaxe: Cedida] Votacións no Centro Galego de Bos Aires

Hai poucas institucións no mundo que poidan presumir de 111 anos de vida e ter alcanzado as 120.000 socias e socios. No caso de Galiza, posibelmente ningunha. Sen un acordo a moitas bandas –desgraciadamente, a demasiadas bandas– Galiza perderá pronto este capítulo fundamental da súa historia. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 321 de Sermos Galiza.

Centos de miles de galegas e galegos atoparon no Centro Galego de Bos Aires a súa táboa de salvación cando a miseria e a represión franquista os expulsaron da súa terra. Aló empezaron a saír a flote; aprenderon a ler, curaron doenzas e, sobre todo, redescubriron o orgullo de seren galegas e galegos.


 

Desde aquel esplendor de mediados de século, o Centro esmoreceu. Nas eleccións deste outono quedaban 3.591 e votaron 1.125 socias e socios. De quen é a culpa de que o centro se atope no dilema de desaparecer ou vender a súa sede? Depende de a quen se lle pregunte.


 

A nova directiva e moitas das socias e socios culpan a Xunta e o Estado español por levaren lustros mirando para outro lado potenciando asemade outra vía para dar cobertura médica, Ospaña.


 

As administracións, pese a seren sinaladas co dedo en público, calan ante os micrófonos. Lonxe deles falan da suposta mala xestión das directivas e dos interventores gobernamentais. Prefiren, din, non prexudicar máis a delicada saúde da institución. De paso, evitan alimentar a espiral especuladora sobre o impagábel patrimonio cultural. Porque ao final o problema, e polo tanto a solución, é de cartos.


 

Neste caso, duns 1.800 millóns de pesos (uns 44 millóns de euros), que é a débeda. O único xeito de conseguir tanto diñeiro é vender o predio da céntrica rúa Belgrano, no corazón de Bos Aires, e outros inmóbeis. Así o propuxo a candidatura da agrupación A Terra e así o referendaron as socias e socios dándolle a presidencia ao seu líder, o xornalista radiofónico Ramón Suárez, O Muxo. Agora ben, A Terra non dispón de apoio abondo para sacar á venda adiante nunha asemblea xeral.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 321 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]